Trail do Trega: Ano I pos Julia Vaquero

A proba guardesa volve un ano despois de ser a escollida pola lendaria atleta galega para o seu regreso á competición.
Vaquero, co dorsal 1, finalizou en terceiro posto na edición de 2020 tras 10 anos sen competir (Foto: Trail do Trega).
photo_camera Vaquero, co dorsal '1', finalizou no terceiro posto na edición de 2020 tras 10 anos sen competir (Foto: Trail do Trega).

O Trail do Trega, que se disputará este domingo 21 de novembro desde as 10.30 horas da mañá na localidade da Guarda, volve 13 meses despois de que no marco da súa sétima edición se producira o histórico regreso dunha das mellores atletas da historia da Galiza, Julia Vaquero

Con 50 anos, e tras unha década exacta sen disputar nin unha soa carreira, a aínda a día de hoxe recordwoman dos 5.000 metros lisos -plusmarca que conseguiu en Oslo o 6 de xullo de 1996- luciu o dorsal número un e finalizou o esixente percorrido de 14 quilómetros nunha moi meritoria terceira posición no seu grupo de idade.

Agora, a proba decide dar un paso máis e aumenta a participación de 300 en 2020 a 450 participantes neste 2021, aínda que o percorrido será moi similar ao do exercicio pasado -sube até os 15 quilómetros e os 800 metros de desnivel- porque, como sinala Serafín Martínez -membro da entidade organizadora, Noko 360-, "o monte é o que é".

Disputarase este domingo 21 de novembro desde as 10.30 horas da mañá na localidade da Guarda

O deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, puxo en valor durante a presentación desta edición do Trail do Trega o seu "valor paisaxístico". 

Tamén falou da importancia de apostar polo deporte "nuns tempos nos que aínda se fai difícil facelo a causa de todos os protocolos que implica a loita contra a Covid-19".

Na mesma liña se manifestou, a concelleira de Deportes da Guarda, Montserrat Magallanes.

Ademais da relevancia como proba deportiva tamén salientou o peso do Trail do Trega como pasarela "do buque insignia do Concello, o Monte Tegra, cos seus castros e espectaculares vistas".

Comentarios