Celta e Dépor puntúan fóra de casa

Conseguir puntos como visitante é esencial para contar con expectativas no fútbol, da mesma maneira que reter os que se xoguen na casa. Esta xornada Celta e Dépor cumpriron coas súas fóra, xunto co Racing e co Celta B, que exerceron de anfitrións. Lugo e Pontevedra, pola contra, non saen do pozo do descenso. 
Iago Aspas remata ao pau no minuto 51 no partido contra a Real Sociedade en Anoeta (Foto: Celta)
photo_camera Iago Aspas remata ao pau no minuto 51 no partido contra a Real Sociedade en Anoeta (Foto: Celta)

Estanlle saíndo os números ao adestrador do Celta, Carlos Carvalhal, o equipo vigués suma 24 tras 22 encontros disputados, tres menos que o curso pasado, e foi quen de sacarlle un empate á Real Sociedade, terceiro na clasificación xeral, un dos equipos en mellor forma do campionato. As fichaxes do centenario dan sinais de responder, mesmo a recente de Seferovic

En Anoeta, o Celta, malia encaixar un gol no minuto cinco, obra de Oyarzabal, non deixou de incomodar a portaría de Remiro.

Así, chegaron as oportunidades de Larsen e Aspas. A expulsión de Tapia cando faltaban quince minutos  para o final presaxiaba que os celestes non poderían furar a portaría local, mais en tempo de desconto un centro de Aspas conseguiu o empate ao marcar na súa portería Lle Normand. Un resultado  merecido que anima a afección. 

Dépor e Lugo, cara e cruz

O CD Lugo continúa caendo no pozo do descenso. Os de Carrillo seguen deixando escapar puntos do Ángel Carro, aínda que sexa cun equipo da categoría do Eibar, cuarto na clasificación.

O 0-2 desta fin de semana pode enganar se non se teñen en conta as oportunidades locais -con varios paus na primeira parte- e un penalti pitado polo VAR que abriu o marcador para os visitantes.

Xa na segunda, co resultado en contra, o Eibar conseguía o segundo e certificaba un resultado que provocará unha semana difícil no equipo lugués. 

Pola súa parte, o Dépor demostrou esta última xornada que continúa pelexando polo ascenso. A dúbida de gañar fóra quedou resolta diante do Talavera (0-1) cun gol de Lebedenko na media hora de partido. Malia os necesarios tres puntos, a imaxe no segundo tempo non convenceu pola fraxilidade como visitante diante dun rival directo nos postos de promoción. 

No derbi da xornada entre o Racing e o Pontevedra, na Malata (2-0), o equipo de Ferrol demostrou que segue pelexando polos primeiros postos, deixando os do Lérez cada vez con menos opcións de seguir na categoría. Encontro con polémica polo fóra de xogo de Manu Justo no primeiro tanto do Racing.

O Celta B, por último, tamén conseguiu unha meritoria vitoria contra o Alcorcón en Vigo (1-0). A canteira celeste demostrou querer estar nos primeiros postos e mantén a ollada nos lugares de acceso á promoción.   

Comentarios