Fútbol | Primeira RFEF

Lucas Pérez: O '7' do Deportivo debuta o 8

A terceira etapa do astro de Monelos como branquiazul comeza este domingo.
As bancadas de Riazor estarán inzadas de camisetas e carteis en apoio ao retornado astro, que apunta a titular ante Unionistas. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera As bancadas de Riazor estarán inzadas de camisetas e carteis en apoio ao retornado astro, que apunta a titular ante Unionistas. (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo-Unionistas de mañá (19 horas) pasará á historia por ser o que marcou o comezo da terceira etapa de Lucas Perez no Real Club Deportivo da Coruña, nun partido no que o dianteiro de Monelos apunta a titular.

Superada a resaca dos fastos tanto do Nadal como da fichaxe e posterior presentación do ex goleador de Arsenal, Elxe ou Cádiz, o conxunto herculino volve á dura realidade dunha terceira categoría na que ningún equipo regala nada, e menos un sempre complicado Unionistas que, segundo sinalou o seu adestrador, Raúl Casañ, non quere "focalizalo todo en Lucas".

"El é un xogador de Primeira, superior, e teremos que estar máis pendentes del para ver cal é a súa conduta no campo, pero inflúelles máis a eles que a nós, porque o resto dos seus xogadores tamén son bos, así que faremos o noso, as nosas cousas".

Pero, gústelle ou non a Casañ, a influencia de Lucas sentirase non só sobre o céspede -todo apunta a que Óscar Cano apostará pola súa titularidade a pesar dos escasos adestramentos que leva completados baixo a súa disciplina-, senón que tamén se vivirá nas bancadas, pois a Lucasmanía levou a un novo boom no deportivismo que se traducirá non só en camisetas co '7' e o nome do atacante, senón en abonos e boletos vendidos, polo que o choque ante Unionistas semella que será o que máis xente congregue no que vai de campaña no seo do coliseo herculino.

Derbi Rácing-Celta B

O debut de Lucas Pérez opacou un tanto o derbi galego que protagonizan ás 17 horas de mañá en Balaídos Celta B e Rácing de Ferrol e que, en condicións normais, sería o partido da xornada na Primeira Federación.

O conxunto departamental agarda recuperar a perdida regularidade neste primeiro partido de 2023, pois rematou o ano sumando tan só oito puntos dos últimos 30 posíbeis, cifras impropias dun bloque con aspiracións a regresar á Segunda División tras 15 anos de ausencia. 

Con respecto ao filial celeste,   este chega algo mellor que os Diaños Verdes -concluíu o exercicio con dúas vitorias consecutivas- e co apoio do seu público aspira a seguir recortando distancias cuns postos de play-off que fecha o propio Rácing de Ferrol, do que está separado por sete puntos.

Finalmente, o último dos representantes da Galiza na táboa clasificatoria, o Pontevedra, desexa aproveitarse da inercia positiva logo da súa espléndida actuación copeira fronte o Mallorca para fuxir definitivamente duns postos de descenso dos que logrou escapar na derradeira xornada de 2022. Para iso, deberá pasar por enriba dun rival directo, o Badaxoz, que suma 19 puntos, un máis que os da cidade do Lérez.

O feminino branquiazul busca recuperar o liderado

No referente ao fútbol feminino, o Deportivo da Coruña, único equipo galego na Primeira Federación, ten intención de volver a un liderado que perdeu na última data de 2022. Para iso precisa un tropezo do líder, Eibar, e vencer Alba Fundación hoxe ás 12 na Cidade Deportiva de Abegondo, un conxunto de media táboa que xa demostrou que é capaz de poñer en apuros os máis grandes.

A preparadora deportivista, Irene Ferreras, ten á súa disposición a totalidade do cadro de xogadoras a excepción de Samara -que está a piques de finalizar a súa a posta a punto logo da lesión muscular que sufriu o mes pasado- e Aroa Guerra, operada de urxencia de apendicite na mañá de onte. A cirurxía transcorreu con normalidade e agora a dianteira deberá descansar entre tres e catro semanas.

Comentarios