Celta e Dépor suman e seguen

Celta e Dépor sumaron esta última xornada os tres puntos necesarios para as súas respectivas aspiracións. Mentres, Lugo e Pontevedra afúndense un pouco máis e coas afeccións en pé de guerra polos malos resultados. O Celta B segue dando xogo, entra na promoción e supera un Rácing sen olfacto de gol.   
Riazor viviu outra xornada intensa no partido contra o Mérida (Foto: Dépor).
photo_camera Riazor viviu outra xornada intensa no partido contra o Mérida (Foto: Dépor).

O Celta recuperou o gol esta última xornada e o que é máis importante: sumou unha segunda vitoria consecutiva engadindo goleadores ao sempre presente Aspas, que desta vez non marcou.

Primeiro Larsen e despois un incisivo Gabri Veiga -con dous tantos- para rematar cun impoñente Aidoo, responderon á chamada do gol neutralizando os tres dos andaluces do Betis que tentaban arranxar o partido. Ademais, debutou Seferovic, a nova incorporación celeste. Tres puntos e os celestes xa están de novo na zona media da clasificación. 

O CD Lugo, pola súa parte, non pasou do empate sen goles no partido contra o Ibiza. A atención estaba máis fóra que dentro do campo coa protesta convocada pola Federación de Peñas do CD Lugo e a resposta da directiva contratando unha charanga.

Tamén no debut como adestrador de Joan Carrillo que deu por bo o resultado malia ser contra un rival directo e fechacancelas da categoría. 

Primeira RFEF 

A xornada para o Dépor non podía ser máis positiva, mesmo coa colaboración dos seus máis inmediatos adversarios. Cunha boa entrada en Riazor, algo que xa é habitual, a afección celebrou nos prolegómenos do encontro contra o Mérida unha merecida homenaxe ao capitán branquiazul, Álex Bergantiños, que chegou aos 327 partidos como deportivista.

Xa no partido, os de Óscar Cano tentárono todo para furar a portaría rival mais o gol non chegou até o minuto 94, no tempo de desconto, a partir dun penalti provocado por Yeremay (1-0) que entrara no campo minutos antes.

A transformación da pena máxima por parte de Quiles certificou a vitoria e o empate entre o Alcorcón e o Real Madrid B (1-1), primeiro e segundo na clasificación, deixou ao Dépor a só dous puntos da cabeza. 

O Racing continúa sen gañar e só colleitou un empate sen goles na súa visita á Cultural Leonesa e xa non está na zona de play off de ascenso a Segunda. O seu  adestrador, Parralo, explicaba este resultado, en parte, polo mal estado do terreo de xogo 

Quen saíu beneficiado deste resultado foi un Celta B que, como quinto, olla cara a outra categoría tras derrotar ao Pontevedra (1-0) no derbi da xornada. Os granates, penúltimos, contarán agora cada partido como unha final se queren manterse na Primeira RFEF.

Comentarios