Balaídos quere rachar coa maldición do Atlético

O Celta recibe este domingo ao Atlético de Madrid, un equipo ao que non conseguiu vencer nos seus oito últimos enfrontamentos  O CD Lugo loitará por saír da zona de descenso mentes que o Dépor ten oportunidade de ser líder.
Iago Aspas adestrando para o partido do domingo (Foto: Celta)
photo_camera Iago Aspas adestrando para o partido do domingo (Foto: Celta)

O Celta volve este domingo a Balaídos (16.15 horas) coa idea de reivindicar o seu bo momento, 10 dos últimos 15 puntos en xogo e sumado dúas vitorias consecutivas, diante da súa afección.

Non o terá fácil cun rival como o Atlético de Madrid, un equipo que non conseguiu derrotar nos oito últimos choques e con vitorias para os de Simeone nos tres últimos. 

Carvalhal non poderá contar con Unai por baixa e tería a posibilidade de volver á defensa de catro, con Mingueza substituíndo ao sancionado Núñez, ou mesmo recorrer a algún xogador da canteira.

Tamén será a oportunidade de ver a Veiga, un dos xogadores celestes en mellor forma xunto con Iago Aspas. Por último, Larsen está a achegar o que se agardaba del e o noruegués comeza a furar a portaría contraria. 

Visita do Lugo ao líder

O Lugo, pola súa parte, ten este sábado (21 horas) un dos encontros máis complicados de toda a tempada ao ter que visitar o líder, As Palmas, nunha situación delicada. O equipo que agora dirixe Joan Carrillo olla desde a penúltima posición da clasificación como cada partido é unha final se quere sobrevivir ao final da tempada. 

O adestrador do Lugo procuraba ser positivo na última rolda de prensa da semana e aseguraba que o seu equipo "nalgúns aspectos" chegaba a ser "mellor" que o actual líder da Segunda División. Por ese motivo preparou "un plan de partido" para poder gañar ao líder e "lograr os tres puntos". 

O Dépor pedería ser líder

En Primeira RFEF, o Deportivo afronta, despois de moitos meses, unha xornada na que, dependendo dos resultados dos seus rivais, podería colocarse líder. Para iso terá que superar este domingo unha das súas materias pendentes: gañar a domicilio, neste caso ao Sanse (12 horas).

O Celta B, pola súa parte, viaxara o domingo ao feudo do Raio Majadahonda (12 horas) co idea de continuar mantendo unha meritoria posición dentro dos postos de promoción na categoría.

Coa intención de  volver a estar neses postos o Racing recibirá tamén o domingo en Ferrol ao Fuenlabrada (17 horas).

Por último, o Pontevedra deberá sumar en Pasarón o sábado diante a Cultural Leonesa (19 horas), un equipo do medio da táboa, para saír das posicións de descenso.

Comentarios