Os equipos galegos dan un paso atrás

As derrotas do Celta e o Lugo frean as boas sensacións da pasada fin de semana. O Dépor segue sen atoparse fóra de Riazor, mentres o Celta B cambia de imaxe. Racing e Pontevedra, pola contra, alegran a afección, o primeiro por estar en zona de promoción e o segundo por achegarse algo máis á salvación.
Iago Aspas perseguido por xogadores do Atlético (Foto: RCCelta).
photo_camera Iago Aspas perseguido por xogadores do Atlético (Foto: RCCelta).

Xornada de desenganos para a maior parte dos equipos galegos. O Celta non sacou rédito do seu bo xogo no encontro que disputou diante do Atlético de Madrid en Balaídos e perdeu pola mínima da peor maneira: cun gol no minuto 89, obra, neste caso, de Menphis.

As tarxetas temperás de Aidoo e de Gabri Veiga marcaron un inicio difícil que provocou o enfado de xogadores e afección. O revulsivo de Seferovic serviu para deixar os de Madrid con dez e ver o mellor Celta, con serios avisos de Aspas e Carles. A desfeita, cando mellor xogaban os celestes, volveu pór en evidencia que o Celta xoga e quérese mais os resultados aínda están por chegar. 

As Palmas frea o Lugo

Pola súa parte, a visita do Lugo ao líder da categoría non era o mellor momento de reivindicarse. As sensacións que se viviron na xornada pasada desapareceron diante dos canarios, que non deixaron que os de Carrillo chegaran máis alá duns primeiros intentos de furar a súa portaría.

Os goles canarios (Pejiño, Laiodice e Loren) foron quen de certificar a derrota malia a mudanza de xogadores que tentou o adestrador catalán até o final.  

Na Primeira RFEF os resultados foron por parroquias. Na do Dépor evidenciáronse as carencias que ten o equipo de Óscar Cano para gañar fóra da casa, un problema para quen quere deixar atrás esta categoría.

A visita ao Sanse demostrou o importante que é contar coa afección, mais tamén a debilidade de saber xogar contra os elementos, sexan estes relacionados co mal estado do campo ou coas consideracións arbitrais.  

Pola contra, en Ferrol, a vitoria por 3-0 do Racing fronte ao Fuenlabrada fai soñar de novo á afección. O equipo volve estar en zona de promoción e gústase. Tras tres xornadas sen sumar os tres puntos, recupera a quinta praza e tamén o optimismo.

Non é o caso do Celta B. O equipo de Claudio Giráldez deixou escapar tres puntos malia comezar controlando o partido.  Un gol cando faltaban catro minutos para o final esfareloulle as opcións de puntuar. 

Por último, a crónica desta difícil xornada non se pode fechar sen salientar a ilusión por seguir loitando pola permanencia que vive o Pontevedra. Todo por unha vitoria traballada contra a Cultural Leonesa (1-0) en Pasarón. Boa impresión para un equipo que quere resistir.  

Comentarios