Cano e Giráldez, ante o derbi, afrontan a dispar situación de Dépor e Celta B

O técnico herculino acepta as críticas e agradece o apoio do presidente  O adestrador celeste, pola súa parte, quere darlle "normalidade" ao encontro.
O sempre morboso duelo entre o filial celeste e o Deportivo da Coruña na Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O sempre morboso duelo entre o filial celeste e o Deportivo da Coruña na Primeira RFEF. (Foto: RC Deportivo).

O derbi entre Dépor e Celta B deste domingo en Riazor (19 horas) chega nun momento especial para ambos os dous equipos. Os branquiazuis veñen de disputar tres xornadas sen gañar e non poden permitirse perder máis puntos, mentres que ao filial celeste pásalle todo o contrario e aspira a disputar unha praza para o ascenso.

Mentres que o equipo herculino ten dificultades para definir en ataque, os da cidade olívica xa son os máximos goleadores da categoría con 43 goles, os mesmos que leva o actual líder, o Alcorcón.

Esta sexta feira foi o día dos adestradores, polo que ambos os dous compareceron en rolda de prensa para dar a súa opinión sobre a súa situación e o derbi en Riazor.

O técnico do Dépor, Óscar Cano, acepta as críticas polos malos resultados aínda que considera que “aos adestradores situáronnos nun lugar que non nos corresponde” e prefire centrarse “no que podo modificar desde o meu cargo”.

Agradece “as palabras do presidente e tamén ao resto do consello que durante a semana me falaron” ademais de eloxiar a actitude da afección, afirmando que “esas son as cousas ás que lle dou valor”.

En relación ao choque do domingo, asegura que "se non gañamos, a distancia coa primeira praza non será insalvábel, mais si moi importante".

Desde Vigo, Claudio Giráldez, recoñece que o de Riazor “é un partido importante para min e para todo o equipo; sobre todo, porque nos pode dar moita confianza e moitas cousas para gañar”.

O do Porriño salienta que ao derbi “hai que darlle normalidade, é un partido de fútbol nunha posición clasificatoria boa, folgada, e a gozalo. Ten unha connotación distinta, mais vale tres puntos".

Comentarios