Morre o futbolista coruñés Amancio Amaro

Xogou catro tempadas no Deportivo e logo foi traspasado ao Real Madrid.
Amancio Amaro e Luís Suárez. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Amancio Amaro e Luís Suárez. (Foto: RC Deportivo)

O futbolista Amancio Amaro, O Bruxo, faleceu na madrugada desta terza feira en Madrid aos 83 anos de idade. Nado na Coruña en 1939, xogou catro anos co Real Club Deportivo na Segunda División, nas que anotou 54 goles en 92 partidos.

No curso 1962-63 foi traspasado ao Real Madrid, onde disputou 14 tempadas na Primeira División. Foi nove veces campión de Liga e tres de Copa, e logrou facerse, na campaña 1965-66, coa Copa de Europa. Tamén gañou a Eurocopa de 1964 co equipo español fronte á Unión Soviética.

Nese mesmo ano foi elixido 'Balón de bronce' como terceiro clasificado, tras o escocés Denis Law e o tamén coruñés Luís Suárez, na gala do Balón de Ouro que outorga anualmente a revista France Football.

Reaccións

Após coñecerse a noticia, sucedéronse na Galiza as mostras de afecto cara a familia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou o seu pesar polo falecemento de Amancio, unha "lenda" do fútbol.

Tamén o fixo o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que o situou como "un referente para moitos nenos e nenas que achegaba algo de maxia en anos escuros". "O Bruxo sempre estará na memoria de todos os amantes deste deporte. O seu agarimo para a súa familia e para o Deportivo e o Real Madrid", engadiu.

Desde o BNG pronunciouse o seu candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera: "Unha lenda. Con Luis Suárez representou para o noso fútbol o mesmo que Pelé para Brasil ou Maradona para Arxentina. Ficará sempre na memoria do fútbol galego e coruñés", dixo.

Mentres, o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, transmitiu o seu "máis sentido pésame" aos familiares e achegados do ex xogador e presidente de honra do Real Madrid.

"Amancio foi un dos futbolistas españois máis importantes da súa época e dos xogadores nados na Coruña e exfutbolistas do Deportivo cun maior recoñecemento nacional e internacional", apuntaron desde o Dépor. E tamén o Real Madrid, que deu a noticia a primeira hora, lamentou a perda "dunha das maiores lendas" do seu equipo.

Comentarios