Ferrol e Celta B salvan a xornada

As alegrías para o fútbol galego viñeron da man do Ferrol, que suma outra vitoria, e do Celta B, que logra o seu primeiro triunfo en Ceuta. O Celta e o Lugo sementan desconfianza nas súas visitas mentres que o Dépor e o Pontevedra ollan de diferente maneira un non tan igualado empate no estadio de Riazor.
O Ferrol controlou o balón e o partido diante da Cultural Leonesa (Foto: Cultural Leonesa).
photo_camera O Ferrol controlou o balón e o partido diante da Cultural Leonesa (Foto: Cultural Leonesa).

Celta e Lugo mostraron a súa peor cara nas súas respectivas competicións na fin de semana. Ambos xogaban como visitantes, o primeiro diante dun Valencia necesitado de reivindicarse en Mestalla que rematou gañando por 3-0 e o segundo con ganas de puntuar para asentarse na clasificación no campo do Vilarreal B que perdeu por 3-1.

Os dous volveron sen conseguir o seu obxectivo e puxeron en evidencia as dificultades que arrastran. No caso celeste polo férreo control a Iago Aspas e no de Hernán Pérez pola suma de erros en defensa nun encontro que podía dar máis de si.     

O Ferrol suma e segue

Pola contra, en Ferrol seguen soñando. Coa vitoria diante da Cultural Leonesa por 3-2, os verdes suman catro triunfos en catro partidos, un total de doce puntos que certifican o mellor comezo de tempada que lembran na Malata. Os centros e pases de Héber foron outra vez decisivos, como no primeiro tanto obra de Manu Xusto.

A reacción visitante puxo emoción ao encontro mesmo a poucos minutos do final con varias ocasións de empatar. Malia todo, Cristobal Parralo, o seu adestrador,  tenta baixar á realidade e non deixar que se inicie a euforia antes de tempo aínda que recoñeceu que “é o inicio soñado”. 

O Celta B, días antes do agardado derbi contra o Dépor (Balaídos, 24 de setembro ás 18 horas) atopou o seu camiño para desfacerse do AD Ceuta CF por 1-3 no que foi o seu primeiro triunfo da tempada. A viaxe máis longa que realizarán nesta competición non impediu que se adiantaran no marcador na primeira parte, referendando a vitoria con dous goles no segundo acto a pesar da igualada local.

En Riazor, no primeiro derbi entre Dépor e Pontevedra, o resultado final de 1-1 non caeu igual de ben en ambos os equipos. As aspiracións dos de Borja Jiménez de sumar para estar en condicións de saír desta categoría toparon cun ambicioso equipo granate que, en palabras posteriores do seu adestrador, Antonio Fernández, “chegou á Primeira Federación para competir”.

Nervios nos branquiazuis que comezaron encaixando un gol de Abelenda ao inicio da segunda parte e a piques estiveron de rematar perdendo por 0-2. Fica moito traballo ao técnico herculino para recuperarse nada menos que diante do segundo equipo do seu eterno rival.

Comentarios