A 'Lucasmanía' revoluciona Riazor

O coruñés cambia a dinámica do club dentro e fóra do campo
Lucas Pérez, que por fin exerce como ese xogador diferencial na categoría, participou directamente en 55,6% dos goles branquiazuis. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Cos seus dous tantos a Unionistas, Lucas xa leva máis goles que Gorka Santamaría e Kuki Zalazar. (Foto: RC Deportivo).

Unha coruñesa entrou o pasado sábado, horas antes do partido que enfrontou o Deportivo co Unionistas en Riazor, na tenda oficial do club que o conxunto branquiazul ten no centro da cidade herculina.

Alí, tras preguntar pola camiseta que encargara, a empregada sacou unha caixa na que, entre ducias e ducias delas co dorsal '7' e 'Lucas' estampado nas costas, atopou a que tiña o nome da súa filla. "Isto é unha tolemia", apuntou a dependente cun sorriso debuxado nos beizos.

Xa non hai boletos a un prezo de 15 euros para o próximo partido en Riazor

O regreso do dianteiro de Monelos desatou unha Lucasmania que se traduciu nunha desorbitada demanda de camisetas deportivistas, carnés de socio e boletos.

Tanto é así que na mañá de onte o club anunciou que, rematadas as longas ringleiras de persoas ante a Oficina de Atención ao Deportivista, xa non quedaban boletos dispoñíbeis a 15 euros de cara ao partido da próxima fin de semana ante o Alcorcón.

No duelo cos madrileños podería superarse o rexistro de 23.475 seareiros e seareiros que se congregaron en Riazor para asistir ao triunfal terceiro debut de Lucas Pérez, pois foi determinante para que o Dépor alcanzara un cómodo triunfo sobre Unionistas por 3-0, anotando dous goles que ben puideron ser tres de non cederlle o lanzamento da pena máxima que supuxo o 2-0 ao seu compañeiro Alberto Quiles.

Nunha xornada redonda para a parroquia herculina, as futbolistas do feminino puxeron a guinda obtendo a súa sétima vitoria en Abegondo logo de vencer Albacete Fundación por 2-1.

Comentarios