Greenalia 'apadriña' Lucas Pérez: "Apoiámolo porque vai ser pura enerxía para o Deportivo"

Beatriz Mato dálle a benvida ao '7' do Dépor afirmando que dentro de Greenalia "hai moitos profesionais que fixeron o mesmo que el, que renunciaron a unhas carreiras moi exitosas fóra da nosa comunidade autónoma e que decidiron vir á Galiza e apostar por un proxecto galego única e exclusivamente porque queren ser felices".
A camiseta de Lucas Pérez, co dorsal '7' e o patrocinio de Greenalia. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera A camiseta de Lucas Pérez, co dorsal '7' e o patrocinio de Greenalia. (Foto: RC Deportivo)

O ano 2023 comezou dunha forma inmellorábel —e impensábel hai unhas semanas— para o deportivismo, pois o fillo pródigo, Lucas Pérez, apostou moi forte por retornar á casa. Tanto que non dubidou en pór cartos do seu peto para facer efectiva a fichaxe polo Deportivo.

Xa no mesmo día no que se confirmou a ansiada noticia, o 31 de decembro ás 19.06 horas, o clube branquiazul compartiu nas súas redes sociais un pequeno vídeo no que celebraba a volta de Lucas e avanzaba ao remate do mesmo cal sería o seu patrocinador particular, a enerxética Greenalia.

O Dépor xa adoptara a pasada tempada a política de patrocinios propios para cada xogador a modo de 'apadriñamentos', co obxectivo de aumentar os recursos económicos. Noel López, agora no filial do Real Madrid, fora un dos grandes protagonistas portando na camiseta o lema 'Un dos meus', a raíz dunha campaña impulsada polo actor e humorista Xosé Antonio Touriñán.

Pero a grande estrela da presente campaña é, sen dúbida ningunha, Lucas Pérez. É por iso que puxou forte polo seu patrocinio unha empresa punteira da Coruña, a enerxética Greenalia, que ten actualmente un amplo abano de proxectos eólicos en diferentes fases de tramitación.

O propio Dépor vén de compartir nas súas redes sociais un vídeo no que se pode ver o recibimento de Greenalia ao futbolista, nun acto protagonizado pola directora de desenvolvemento corporativo desta empresa e ex conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Beatriz Mato.

"Greenalia ratifica o compromiso que ten co deporte galego e tamén cos valores que o deporte nos ensina a todos. E se falamos de valores, o que vivimos estes días coa fichaxe de Lucas Pérez é o mellor exemplo. Falamos dunha grandeza, dunha xenerosidade e dunha entrega nunca antes vistas neste mundo do fútbol", afirma Mato.

Ese é o motivo principal, prosegue, de apoiar o xogador natural de Monelos. "Greenalia está convencida de que Lucas vai ser pura enerxía para o Deportivo", prosegue a representante da empresa con sede na Coruña.

"Tamén nos atopamos familiarizados con ese xesto que tivo, e sentimos en parte que dentro do equipo de Greenalia hai xente que fixo o mesmo. Temos grandes profesionais que renunciaron a unhas carreiras moi exitosas fóra da nosa comunidade autónoma e que decidiron vir á Galiza e apostar por un proxecto galego única e exclusivamente porque tamén queren ser felices", conclúe.

Comentarios