Por que está anoxado o Concello da Coruña co Deportivo?

Antonio Couceiro acusa á alcaldesa de querer cobrarlle ao club branquiazul o alugueiro de Riazor. 
Vista aérea do estadio de Riazor (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Vista aérea do estadio de Riazor (Foto: Concello da Coruña).

O presidente do Deportivo, Antonio Couceiro, compareceu esta sexta feira ante os medios de comunicación para inaugurar a xornada final do Concurso Dépor Innovation Center Start-UP Challenge.

A iniciativa anunciada quedou en segundo lugar cando Couceiro comezou a criticar ao Concello da Coruña pola xestión que está a realizar do Estadio Municipal de Riazor. 

“Despois de varios meses solicitando con insistencia ao Concello que nos confirmase se ía utilizar o estadio, e en que datas, para celebrar concertos este verán, en función do dereito que lle permite o actual convenio, aínda non nos respondeu, polo que tivemos que dar o primeiro paso e fixar unilateralmente a data do Teresa Herrera”, sinalou o responsábel branquiazul.

Couceiro lembrou que a concesión municipal finaliza en 2025 polo que, asegurou, “para o Club resulta imprescindíbel dispor canto antes dunha nova a longo prazo”.

Ademais, o presidente do Dépor asegurou que o pasado 13 de febreiro, a alcaldesa transmitiulle, “en comunicación non formal, que o Concello quere cobrar ao RC Deportivo polo uso do Estadio, algo que nunca sucedera até a data na Coruña”.

Desmentido municipal

A alcaldesa, Inés Rei, visibelmente molesta, asegurou horas despois nunhas declaracións que “en ningún momento se lle pide ao Deportivo que pague polo Estadio, polo tanto o seu presidente está faltando gravemente á verdade”.

A rexedora lembrou que o equipo branquiazul “non ten estadio propio e emprega gratis unha instalación municipal e que a seguirá empregando gratis”. Ademais, apunta que o Dépor xa ten unha proposta de novo convenio.

Comentarios