Centenario do Celta

Berto Villamarín: "Os onces iniciais históricos sempre son moi inxustos"

O centenario do Real Club Celta de Vigo trouxo consigo innumerábeis actividades conmemorativas. Unha das máis valoradas polos seareiros e seareiras é 'Os Cen do Centenario', con Berto Villamarín (Vito, 1977) á súa fronte, quen repasa diariamente os xogadores máis importantes que vestiron a celeste.
O autor leva anos afondando no pasado do conxunto olívico. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O autor leva anos afondando no pasado do conxunto olívico. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde a iniciativa dos Cen do Centenario?
En marzo contacta o Celta comigo para tratar de darlle un pulo ás redes sociais do Centenario, reforzando o tema da historia, que é unha eiva xeral nos clubs de fútbol. E, como xa tiña moito traballo feito na miña web (Yo jugué en el Celta), díxenlle que si. Desde entón o que estamos facendo, principalmente, é partillar efemérides de interese.

—Por que Os Cen do Centenario e non un once inicial histórico elaborado por especialistas e que complementase o escollido polos votos dos e das afeccionadas o pasado mes de marzo?
Si tiña a idea, como pasa sempre que hai un centenario, de elaborar un once histórico do equipo, pero é un concepto que nunca me convenceu, porque é moi difícil igualar épocas, pois sempre se é inxusto cos tempos pasados que non se viviron.

—Sen mencionar o debate sobre se incluír no mesmo os mellores xogadores ou os que tiveron máis impacto. Non se me vén á cabeza mellor exemplo que Boban, un súper clase que vestiu de celeste pero sen deixar pegada no Celta.
Claro. Pero é que aínda que queiras facer un once cos máis importantes, non lle chamemos os mellores, tamén seríamos inxustos. Pensa que antes se xogaba con tácticas diferentes: dous defensas, cinco dianteiros... e, sobre todo, cada un tira polo que mirou, e o antigo vai deixándose de lado. Por iso eu tratei de confeccionar unha listaxe cos 100 máis importantes, que non os 100 mellores, porque de ser así pasaría o que ti dis, que habería que meter a Boban.

—Que tivo en conta á hora de definir esa "importancia"?
A pegada que deixaron, o número de partidos xogados, o de goles... Logo, unha vez pulido o concepto, presenteille a idea ao Celta e acordamos ir revelando un por día desde o 15 de maio até o 22 de agosto, porque o propio día do centenario, o 23, estará moi saturado de información.

—Está presentada esa listaxe nalgunha orde específica?
Comezamos cun moi senlleiro, Manolo, que é o xogador que máis veces vestiu a camiseta do Celta, e remataremos con Iago  Aspas, porque para min é o máis importante. Podemos debater se o mellor ou non, pero o máis importante seguro que si. E o resto, para evitar polémicas, presentarase en orde alfabética.

—Foi moi dura esa escolla?
Si. Pode ser que 100 parezan moitos, pero quedaron fóra futbolistas moi importantes. Por iso, antes de comezar, e como eu non o quería facer só, pedín axuda a Alberto Fernández, de Celta Historia, un auténtico especialista no tema dos números e a estatística. El preparou unha base de datos con distintas variábeis, tratando de obxectivizar o tema, o que o levou a idear unha listaxe de 100. Eu fixen outra con base no que é a historia, e logo, comparando, coincidimos en 75. Nos outros 25 houbo que pelexar a ver a quen quitábamos e a quen metíamos (ri). Aí entrou Gus Agulla, quen dirixiu un dos primeiros podcast sobre o Celta que houbo, e que tamén contribuíu cos seus coñecementos de deseño gráfico elaborando as imaxes coas que acompañamos as publicacións de cada xogador.

—Que nomes poden sorprender os seareiros e seareiras?
Algúns que, ao mellor, non xogaron tantos partidos como outros pero si tiveron unha pegada importante, como Jimmy Haggan ou Fran Beltrán, que é unha pasada que estea sendo tan novo. Penso que a xente poderá preguntarse por que non está alguén, pero os que se incluíron meréceno sen ningunha dúbida.

Berto Villamarín, desde a antiga bancada de Marcador de Balaídos.
Berto Villamarín, desde a antiga bancada de Marcador de Balaídos.

Unha escusa para a reivindicación

O principal obxectivo da iniciativa Os Cen do Centenario, como recoñece o propio Berto Villamarín, é "que a xente coñeza un pouco máis a historia do club". "Afortunadamente -engade con alivio- o equipo logrou salvar a categoría, porque, se non, loxicamente, a xente pasaría por completo deste tema, o que sería unha mágoa, xa que é bo mirar atrás e dar a coñecer uns nomes que non son tan coñecidos máis alá dalgúns frikis da historia do fútbol coma min".

Dentro das numerosas accións para rememorar o rico pasado celeste, alén da que comanda Villamarín, está a publicación de varios libros conmemorativos. O propio Celta xa confirmou que lanzará o seu propio volume, mentres que editoriais como Aira (Historia Visual do Celta) ou Galaxia (Manuel De Castro 'Hándicap': historia dunha paixón) xa se animaron a dar ese paso.

Comentarios