A Bandeira Deputación da Coruña recala en Boiro o día 15 de agosto

Na histórica proba participarán 16 traiñeiras masculinas e femininas.
A gañadora recibirá 2.500 euros. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera A gañadora recibirá 2.500 euros. (Foto: Deputación da Coruña).

Boiro acollerá o 15 de agosto a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña, unha proba na que compiten cada verán os principais clubs de remo e que este ano chega á súa trixésimo terceira edición na categoría masculina e á cuarta no caso da feminina. 

As bases deste evento, informan desde unha organización que conta coa colaboración da Federación Galega de Remo, veñen de publicarse no último Boletín Oficial da Provincia.

En total, na Bandeira Deputación da Coruña participarán un total de 16 clubs

10 deles son masculinos (Remo Narón, Club do Mar de Mugardos, Club de Remo de Ares, Club de Regatas Perillo, Club de Remo de Muros, Club de Remo Puebla, Club Remo Rianxo, Club de Remo de Cabo de Cruz, Club de Remo Náutico de Ribeira e Club de Remo A Cabana de Ferrol).

Outros tantos participan na categoría feminina (Remo Mugardos, o Club de Remo A Cabana de Ferrol, Club de Regatas Perillo, Club de Remo de Cabo de Cruz, Club de Remo de Rianxo e Club de Remo Puebla). 

Todas estas formacións competirán sobre unha distancia de tres millas mariñas, e optan a repartirse 24.000 euros en premios, que oscilan na categoría masculina entre os 2.500 do primeiro clasificado e os 700 euros do décimo e na feminina dos 2.500 da escuadra gañadora e os 1.200 que reciba a sexta e última no táboa.

A deputada de deportes en funcións, Cristina Capelán, lembrou que esta Bandeira Deputación da Coruña "leva máis de tres décadas disputándose cada verán", e que "froito da aposta pola igualdade no deporte do actual goberno provincial" conta tamén desde 2019 cunha modalidade feminina.

"Como cada ano -engadiu-, este será un dos grandes espectáculos das traiñeiras na Galiza, máis aínda no caso de Boiro, onde existe unha gran tradición e arraigo do remo".

Comentarios