Ano de éxitos para o atletismo galego

O 2021 foi un ano moi especial para o atletismo galego. Medallas e primeiros postos que se lembrarán no futuro.

Ana Peleteiro SportMedia  Europa Press
photo_camera Ana Peleteiro SportMedia Europa Press

O atletismo galego viviu un ano espectacular. Desde a Federación Galega de Atletismo lembran nun comunicado a primeira medalla olímpica lograda polo atletismo galego de mans de Ana Peleteiro cuxo salto de 14.87 m. logrado o día 1 de agosto en Toquio quedará xa enmarcada en lugar preferente na historia do deporte galego.

Ademais, tamén nunha cita internacional, escribíase outro dos grandes momentos da nosa historia ao lograr Adi Iglesias a medalla de ouro nos 100 m. e a de prata nos 400 m. nos Xogos Paralímpicos o que representaría a mellor das maneiras posibles de celebrar os 100 anos de constitución da Federación Galega de Atletismo neste 2021.

Paralelamente a estas medallas, Adrián Ben Belén Toimil xunto a Susana Rodríguez e Gustavo Nieves no equipo paralímpico, acudían a esas mesmas citas logo de encabezar as listaxes oficiais do Estado español tanto nos 800 m. como no concurso de peso respectivamente no que, ademáis, Belén lograba un marabilloso récord nacional con eses 18.80 m. Mención especial ten a presenza da xuiza Dolores Rojas nestes Xogos Olímpìcos cuxa actuación representan a súa terceira designación olímpica (Atenas, Londres e Tokio)

Tampouco debemos esquecer a Carmela Cardama cos seus resultados e na súa primeira posición no ranking dos 10.000 m. e segunda nos 5.000 m. A súa gran actuación ven acompañada polos excelentes rexistros no concurso de lonxitude na que tanto Jean Marie Okutu como Leticia Gil continuán ocupando postos importantes na súa modalidade, ao igual que Saleta Fernández en altura e a as xavelinistas Lidia Parada e Carmen Sánchez sen esquecer a Tariku Novales nas probas de ruta.

A marcha sigue deparando alegrías ao noso atletismo. Antía Chamosa lograba outro dos grandes momentos da tempada ao acadar o bronce no Campionato de Europa Sub23 de Tallin, destacando tamén neste sector Daniel Chamosa, Carmen Escaríz e Juan Manuel Morales neses postos de honra do raking nacional absoluto

Non hai que deixar pasar por alto o gran número de atletas que desde as categorías Sub23 ata a Sub14 continúan ca súa gran progresión e evolución, e no que os concursos afianzan a súa importancia no noso deporte. Nomes como Irene Gómez, Marta Neira, Blanca Pereira e Marta Hermida en martelo, Diauo Diallo e Alba Cuns en triplo; Xiana Lago en peso; Antía Otero, Nuno Castro, Ivanna Carolina Román e Paula Piñón en xavelina, comezan e continúan dando alegrías ao noso deporte a nivel nacional e mesmo internacional.

Non menos importante son tamén os numerosos talentos emerxentes nas distintas probas que revitalizan e actualizan modalidades como o caso de Belén García e David Vicente nos valos, Jacobo Soler nos 400 m., ou de Ainhoa Reparaz e Antía Pernas nos 100 m.

O deporte máster tamén tivo no ano 2021 unha destacada actualidade e presencia nos distintos Medios de Comunicación. Sen lugar a dúbidas este foi o ano de Pepín Rioseco e de Esther Pedrosa entre os cales lograban sumar nada menos que un total de ¡dez récords do mundo!  convertíndose nos dous grandes referentes europeos e mundiais do ano nas súas categorías.

Futuro ilusionante

Un fututo moi ilusionante está por vir da man de xovencísimas atletas cun talento innato e excepcional que dan mostras día a día da súa gran calidade.  Xela Martínez é o gran estandarte desta nova xeración que ven con moita forza e onde xunto á lucense atópanse, entre outros, atletas da calidade de Alex Sierpes, Sabela Castelo, Antía Otero, Nuno Castro ou Aleksandra Kostenko marchadora esta última que conta con todo o noso apoio e forza de cara a solucionar a súa estancia definitiva no país.

 

Comentarios