Celta e Ximnástica volven triunfar na Copa Galiza

Sen sorpresas no atletismo galego por equipos.
Ximnástica, Celta e Santiago ocuparon o podio feminino. (Foto: Atletismo Galego).
photo_camera Ximnástica, Celta e Santiago ocuparon o podio feminino. (Foto: Atletismo Galego).

Atletismo Feminino Celta en mulleres e Sociedade Ximnástica de Pontevedra en homes fixeron bos os prognósticos e proclamáronse novas campioas galegas de pista cuberta na última edición da Copa Galiza, que tivo lugar na Cidade das Burgas, e máis concretamente no recinto de Expourense.

Con este novo título a Ximnástica amplía a xeira vitoriosa de nove edicións consecutivas impoñéndose na modalidade masculina, acumulando así un total de 14 títulos entre ambas as categorías. Pola súa banda, as celtistas suman así o seu noveno título, recuperando unha Copa Galiza que perderon na anterior edición precisamente a mans da todopoderosa Sociedade Ximnástica de Pontevedra.

Emoción e boas marcas

Como é habitual, o certame transcorreu de modo moi dinámico e intenso durante boa parte das catro horas que durou a competición, tempo no que a emoción da clasificación por clubs engadíase ás excelentes actuacións individuais que se presenciaron no recinto cuberto ourensán. 

Entre as mesmas o máis salientable foi o récord de España Sub-18 da lucense Xela Martínez, quen pulverizaba a plusmarca estatal en máis de seis segundos amosando, unha vez máis, que estamos diante dunha das mulleres máis prometedoras do panorama atlético internacional.

A participación da campioa paralímpica dos 100 metros e subcampioa dos 400 en Toquio 2020, Adi Iglesias (Lucus Caixa Rural), sobre a distancia dos 60 metros foi outro dos engadidos importantes da xornada, mais non foi quen de imporse e finalizou en terceira posición, por detrás de Cristina Garrido (Ximnástica) e Talia Mara Pérez (RIA Ferrol).  

Paralelamente a todo iso, a suma das distintas probas ía definindo o selecto grupo de equipos que entraban na loita polo título e na que o RIA Ferrol, Atletismo Narón, Atletismo Santiago e Atletismo Ourense apuraban as súas opcións de estar neses postos de honra.

Finalmente a proba de remudas volveu ser determinante na definición dos podios, que daban na categoría masculina o título á Ximnástica con 92 puntos, seguidas do Real Club Celta (87) e Atletismo Santiago (60). Con respecto ás mulleres, Celta rematou primeiro con só dous puntos de vantaxe sobre Ximnástica e cinco con RIA Ferrol.

Comentarios