O atletismo galego demostra a súa boa saúde cun novo récord do mundo máster

O combinado de 4x800 inscribe o seu nome nos libros de historia.
O novo rexistro mundial está agora nos 10.41.58 (Foto: Federación Galega de Atletismo).
photo_camera O novo rexistro mundial está agora nos 10.41.58 (Foto: Federación Galega de Atletismo).

As probas de control federadas que se disputaron na pista cuberta de Expourense, xunto ao Campionato da Galiza Máster Individual e de Probas Combinadas, trouxeron consigo a consecución dun fantástico récord mundial na proba dos 4×800 metros lisos.

O combinado galego masculino da categoría Máster-65, formado polos atletas Pablo Fervenza e Domingo Álvarez (ambos do Samertolomeu), Nemesio Gutiérrez (Atletismo Friol) e Xose Luís Otero Cepeda (Atletismo Santiago), logrou parar o reloxo nun rexistro de 10.41.58, pulverizando así en máis de 17 segundos a anterior plusmarca planetaria.

Con este novo récord, o atletismo veterano do país continúa acumulando rexistros mundiais e continentais, pois se une ao que conquistou Pepín Rioseco nos 800 metros M-75 en 2018 e ao de Esther Pedrosa sobre a mesma distancia no ano 2021.

Ademais, esta plusmarca representa unha recompensa para a excelente traxectoria deste cuarteto de atletas, na que cabe salientar o amplo currículo de medallas estatais de Xosé Luis Otero, así como a excelente tempada 2021 que asinou un Domingo Álvarez quen rachou co récord de España de 800 co seu tempo de 2.19.30.

A maiores, e de modo paralelo á disputa desta competición, levouse a cabo o Galego de Marcha na Pobra do Caramiñal, facéndose cos títulos absolutos as dúas grandes favoritas: Carmen Escáriz (Ourense Atletismo) na modalidade feminina e Daniel Chamosa (Sociedade Ximnástica de Pontevedra) na masculina.

Ambas as corredoras dominaron de forma clara a proba nos 10 quilómetros que se estendeu o torneo, pero tamén foi digna de mención a actuación das atletas que as acompañaron no podio: Oleksandra Kostenko e Aldara Meilán e Juan Manuel Morales e José Fernández, respectivamente.

Cabe salientar que durante o transcurso do campionato caeu o récord galego Sub-14 da man da marchadora do San Miguel de Marín Sabela Castelo, quen pararía o cronómetro na proba dos dous quilómetros en nove minutos e 38 segundos. Do mesmo modo, fixo o propio na categoría Máster-50 a marchadora do Ourense Atletismo María Soledad Pousa na distancia dos 10 quilómetros, completando o percorrido nunha hora, catro minutos e tres segundos.

Entre os homes, Manuel Polo (Atletismo Narón) confirmou as boas sensacións coas que chegaba a esta competición esnaquizando o mellor rexistro histórico galego M-45, que baixou até os 50 minutos e cinco segundos.

Comentarios