Xela Martínez racha a marca de 2000 metros obstáculos

A atleta de Lugo competiu nos 2000 metros obstáculos no Campionato de España sub18 que tivo lugar no Estadio Chapín de Xerez da Fronteira parando o crono en 6:30.31.
A atleta Xela Martínez nun momento da carreira (Foto: RFEA)
photo_camera A atleta Xela Martínez nun momento da carreira (Foto: RFEA)

Xela Martínez volveu dar boa conta da súa tremenda calidade nun amplo abano de probas do medio fondo e fondo. Nesta ocasión, a atleta da Atlética Lucense participaba esta fin de semana no Campionato de España sub18 que tivo lugar no Estadio Chapín de Xerez da Fronteira. Competiu nos 2000 metros obstáculos e triturou o anterior récord do Estado español que posuía María González con 6:44.59 desde 2018, e tamén o dos campionatos, en poder de Jimena Blanco desde 2020 con 6:45.30. 

A lucense parou o crono en 6:30.31, unha marca que lle outorga a mínima -por case 25 segundos- para acudir ao Campionato de Europa de Xerusalén que terá lugar entre o 4 e o 7 de xullo. Ademais, o tempo marcado pola galega nesta competición supón a terceira mellor marca europea e mundial do ano, só superado polos 6.23.82 da alemá Jolanda Kallabis e os 6.28.55 da súa compatriota Adia Budde

Mellores marcas de no sub 23 en Pontevedra

Tamén esta fin de semana, as pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra presenciaron o Campionato Xunta da Galiza Sub23 individual e de Probas Combinadas absoluto con rexistros e actuacións destacadas. O máis salientábel desta edición foron os 12.23 sobre os 100 metros da velocista Cristina Garrido, que ademáis lograba o título nos 200 con 25.62 (MMT). Tamén en velocidade, Pablo Tomé levaba o título  logrando unha mellor marca persoal (MMP9 con 10.88 na proba do hectómetro.

Olaia Guisela Bacerril na lonxitude, conseguía un mellor salto de 6,02 (MMT). O campión galego absoluto indoor do Celta, Raúl Cortizo tamén lograba un salto sobre este mesmo foso de 7.28 m. (MMT). Na altura, mellor marca para a Andrea Villaverde quen superaba o listón a 1.68 m.

En lanzamentos, Irene Gómez chegaba aos 53.53 metros e sobre a mesma especialidade, Yago Araujo chegaba aos 60.11 metros. Nos valos, tanto Guzmán Carril do Atletismo Santiago sobre os 110 como Xavier Lires do Marineda nos 400 destacaban sobre esta modalidade cos seus 15.44 e 55.73 (MMT) respectivamente. No mesmo sector, Lucía Ferrer fixo 14.48 nos 100. Por último o campionato galego Absoluto de combinadas foi nesta edición para Verónica Arteche na categoría feminina con 2.788 puntos e para Nicolás Arias na masculina con 5.363 puntos.

Comentarios