Xela Martínez confirma a súa progresión no Galego Sub-18

A da Atlética Lucense rachou co récord nacional 
Xela Martínez lidera á Irmandiña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xela Martínez lidera á Irmandiña. (Foto: Nós Diario).

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra vén de acoller a disputa do Campionato da Galiza individual e de combinadas Sub-18, torneo no que volveu asombrar Xela Martínez.

A deportista da Atlética Lucense fixo bos todos os prognóstico ao gañar a proba dos 2.000 obstáculos e, ao mesmo tempo, rebaixar en máis de cinco segundos o récord galego para deixalo finalmente nos 6.52.40 cos que encabeza o ránking estatal.

Outra das plusmarcas galegas estabelecidas viría da tamén lucense Aldara Meilán sobre a proba dos 5.000 marcha, logo de rematar cun excelente rexistro de 23.12.68 que a colocan, como no caso de Xela, como número un estatal no que vai de ano 2022.

No referente ao resto de probas, Alicia Barreiro (RIA Ferrol) impúxose sobre os 400 metros cun excelente crono de 57.91; Fabián Vidal, da Atlética Barbanza, dominou a velocidade vencendo tanto nos 100 como nos 400 metros lisos, distancia esta última na que rematou cun destacado rexistro de 50.13; por último, nos valos Simón Rodríguez (Riazor Coruña) foi quen de introducir o seu nome no Top-10 do ránking estatal dos 400 valos cun tempo de 57.18.

No sector dos saltos, excelente campionato para a perteguista do Celta Lisa Vosberg, voando sobre os 3.50 metros. Ademais, nos lanzamentos son dignos de salientar os rexistros logrados por Blanca Pereira (Ourense Atletismo), que mandou o martelo até os 63.25 metros.

Igualdade nas combinadas

Intenso e emocionante resultou ser o campionato de Combinadas. Nas mulleres a vencedora foi Diana Mosquera (A Silva), con 3.002 puntos, mentres que entre os homes un interesantísimo duelo entre Matías Moldes (Ximnástica) e Bran Núñez (Morrazo) caeu do lado deste último.

Comentarios