Ourense reúne os mellores equipos do país co gallo do Galego de clubs

16 equipos a polo Campionato Xunta da Galiza
A Sociedade Ximnástica de Pontevedra opta ao título tanto na categoría masculina como na feminina. (Foto: Luís Tojal).
photo_camera A Sociedade Ximnástica de Pontevedra opta ao título tanto na categoría masculina como na feminina. (Foto: Luís Tojal).

Atletismo Feminino Celta -no referente ás mulleres- e Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP) -nos homes-, pelexarán a partir das 10.30 horas deste sábado, 23 de abril, por revalidar os títulos logrados o ano pasado no Campionato Xunta da Galiza de Clubs, que alcanza a súa trixésimo terceira edición.

Nesta ocasión o certame terá lugar nas pistas ourensás de Monterrei, onde conxuntos do nivel de Real Club Celta e Atletismo Santiago na categoría masculina, así como Ría Ferrol, SXP ou Ourense Atletismo na feminina tratarán de asaltar o trono logrado en 2021 por olívicas e pontevedreses.

Para ese reto contan co aval dos seus múltiples podios nas máis recentes edicións do Galego de clubs, unha cita que, segundo valoran desde a Federación Galega de Atletismo (FGA) "pasa por ser unha das máis atractivas de todas cantas se disputan no calendario oficial do país, xa que o seu formato de competición de un só atleta por club en cada proba fai que a emoción estea garantida até practicamente o final".

No libro de récords deste histórico evento figuran tan só os nomes de cinco clubs como vencedores, o que dá unha idea da dificultade de gañar esta proba ao longo das 32 edicións disputadas até o de agora. As formacións máis laureadas até o de agora foron, na modalidade feminina, Ría Ferrol (14), Atletismo Celta (8), SXP (4), Club Universitario de Atletismo de Santiago (3) e Ourense Atletismo (2). Con respecto á masculina, o Real Club Celta fíxose coa vitoria en 13 ocasións; CUA de Santiago, en oito; SXP, sete; e Ourense Atletismo, catro.

Con esta cita dá comezo de maneira oficial a tempada dos encontros de Liga, na que a Sociedade Ximnástica e o Ría Ferrol optan, un ano máis, a certificar a súa permanencia na máxima categoría do atletismo estatal. Así mesmo, e sen deixar a un lado a Primeira División, serán o Celta en homes e a SXP e Atletismo Celta en mulleres quen intentarán, primeiro afianzar, e despois loitar por un ascenso que colocaría a máis de dous equipos da Galiza na elite.

Criterium de Primavera Concello de Pontevedra

Alén do Campionato Xunta da Galiza en Ourense, tamén en Pontevedra poderán seguir en primeira persoa unha competición atlética de primeiro nivel, pois na tarde de mañá regresa ás pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) o Criterium de Primavera Concello de Pontevedra. 

O evento, organizado polo Club Atletismo Rías Baixas en colaboración coa Concellería de Deportes e a FGA, contará con 300 atletas das categorías Sub-16 e Sub-18 procedentes non só de todos os recunchos do país, senón do resto do Estado e de Portugal.

Xornada técnica de salto con pértega

A proposta do responsábel de salto con pértega da FGA, Antonio Fernández Costas, convócanse a un total de 16 atletas das categorías Sub-16 e Sub-18 para tomar parte nunha xornada técnica o vindeiro día 24 de abril no módulo cuberto de Ourense correspondente ao Plan Galego de Tecnificación Atlética.

A finalidade da mesma é a de "estabelecer un seguimento directo de todos e todas aquelas atletas que, polos seus rexistros e capacidades, amosen unhas especiais condicións para este sector", apuntan desde a FGA, que pon en valor que a concentración "tamén estará aberta a todos os técnicos que desexen acudir, previa solicitude de confirmación".

Comentarios