Arranca motores nas Pontes o Galego de Karting

Participarán o dobre de equipos que en 2022
O certame desenvolverase ao longo desta fin de semana. (Foto: Vroomkart).
photo_camera O certame desenvolverase ao longo desta fin de semana. (Foto: Vroomkart).

Á última das disciplinas do automobilismo galego que restaba por arrancar motores, o karting, iniciará a súa nova andaina esta fin de semana no trazado das Pontes cun Campionato da Galiza que conta cun programa de dúas xornadas e 70 equipos na grella de saída.

Segundo explicaron desde a Federación Galega de Automobilismo (FGA), "o éxito está asegurado nunha modalidade que recupera pulo logo de varias modificacións e grazas á chegada dun novo promotor que fai que se pase de apenas tres decenas de inscritos a o número actual de 70".

O programa deportivo da fin de semana levará os e as participantes a aproveitar a xornada de mañá sábado para os adestramentos libres, ademais das competicións para os e as corredoras máis novas da grella, as pre 'rookie' (de entre tres e seis anos), que desenvolverán as súas carreiras a partir das 13.45 horas da tarde.

Xa para o domingo, 30 de xullo, será a quenda para o resto dos pilotos, nunha cita que comezará as 9 horas cos adestramentos oficiais, sendo o momento de afrontar as carreiras desde as 11.25 horas.

A entrega de premios, segundo confirmaron desde a organización, está prevista para as 15 no propio trazado pontés.

O Rally Pazo Tizón leva o Campionato ao Carballiño

Despois de tres semanas de descanso estival, o Campionato Galego de Rallys retorna á actividade esta fin de semana (28 e 29 de xullo) coa segunda edición do Rally Pazo Tizón–Comarca de Carballiño, que contará con máis de 120 equipos na liña de saída.

A que será a sexta proba puntuábel do certame nacional terá un amplo abano de actividades previas, como a realización dun shakedown de 12 a 15 horas no treito da Subida á Saleta ou unha fotografía de familia de todos os equipos participantes dentro das Copas Galegas que equipan pneumáticos Pirelli.

A Praza da Veracruz será o centro neurálxico desde onde tomarán a saída os equipos rumbo ao primeiro treito cronometrado na tardiña de hoxe, ás 20.18 horas.  Xa durante o sábado será a quenda de 10 especiais para completar unha proba que percorrerá algúns dos lugares máis representativos da comarca do Carballiño, sendo os grandes favoritos Alberto Meira e Avelino Martínez.

Comentarios