8-M

As mulleres avanzan no motor galego

As mulleres tamén teñen presenza no automobilismo galego. Malia a súa invisibilización durante anos, unha nova xeración puxa por estar en todos os ámbitos no mundo do motor. Coa mudanza de proxecto este ano na federación, ábrese tamén unha oportunidade para que entren novos valores femininos.
O equipo feminino Melmac Rally Factory (Foto: Nós Diario).
photo_camera O equipo feminino Melmac Rally Factory (Foto: Nós Diario).

O automobilismo é un dos deportes, na actualidade, con menos presenza feminina. Porén, non son poucas as mulleres que se abriron paso no mundo do motor. Na Galiza, non é difícil identificar exemplos como o de Maite Vilanova, piloto de rallys e na actualidade presidenta da Escudaría Miño, ou a tamén piloto Lorena Abreu, que comezou en 2005.

Nos últimos anos incorporáronse outras como é o caso das pilotos Rocío Lorenzo, Ruth Ortega ou Evelyn Solares, ademais das copilotos Mara Fontán, Bea Ouvel, Estela Fernández ou Uxía Carballo e a mecánica Alexandra Mayo

Máis presenza feminina

Ruth Ortega é unha das firmes defensoras da presenza das mulleres no mundo do motor galego desde que comezou hai seis anos no automobilismo. A naronesa formou parte da candidatura que agora rexe a federación galega e quere promover a participación feminina neste deporte.

“Vímolo na foto da gala da semana pasada, hai oficiais e organizadoras mais faltan pilotos”, explica a Nós Diario. No caso da preparación das probas pon como exemplo o vindeiro Rally da Auga (24 e 25 de marzo), na comarca de Ordes, “onde case o 100% da organización está formada por mulleres”.

Considera que “hai pilotos moi boas pelexando con homes” e non hai diferenza entre homes e mulleres “no momento en que se poñen o casco e comezan a correr”. Porén, cre que poderían ter máis oportunidades “se contan con apoio económico axeitado”. Ortega aposta por realizar campus, formacións e fomentar iniciativas como o Open Gadis Donas. 

Comezar de copiloto

A entrada no automobilismo acostuma a ser por vía familiar, tamén as mulleres. É o caso de Estela Fernández que desde pequena estivo arrodeada de coches e motos e rematou entrando na competición o ano pasado.

Fixo un curso intensivo con Antonio Solórzano e comezou, con 24 anos, como copiloto nos rallys de San Froilán, A Mariña e o Pazo Tizón. “Cando se presentou a oportunidade de ser copiloto aproveiteina, mais tírame tamén ser piloto”, recoñece a Nós Diario.

Apunta que é unha vía de entrada por estar máis valorada a muller “cando se ten que cantar as notas nun rally”. Porén, o problema, asegura, “segue a ser o económico, faltan apoios neste sentido”, conclúe.

Comentarios