A emoción do rally invade Pontevedra e As Pontes

Os Citroën, Skoda, Hyundai ou BMW atronarán cos seus motores.
A maioría dos tramos do certame pontevedrés serán o sábado, 3 de xuño. (Foto: FGA).
photo_camera A maioría dos tramos do certame pontevedrés serán o sábado, 3 de xuño. (Foto: FGA).

O Campionato Galego de Rally retorna ás estradas esta fin de semana co gallo da disputa da quinta edición do Rally de Pontevedra, cuarta parada do certame nacional.

A cita arrancou no serán de onte cunha cerimonia de saída que seguiu ás correspondentes verificacións que tivo lugar na Praza do Mar de Sanxenxo ás 19.15 horas da tarde, aperitivo dun tramo cronometrado que serviu para abrir boca de cara ao prato forte, que se servirá ao longo do día de hoxe. 

Como é habitual, o Rally de Pontevedra estabeleceu para o seu segundo día de competición un formato de tres treitos a tres pasadas, con comezo as 8.03 horas da mañá e remate coa chegada do primeiro participante á Praza do Mar, arredor das 20.55 horas.

En total serán 113 os quilómetros cronometrados, nunha proba que contará con 126 equipos na liña de saída. Entre os favoritos brillan Víctor Senra e David Vázquez, que repetirán co Citroën C3 WRC; Alberto Meira e Avelino Martínez, co Skoda Fabia R5; ou Luis Vilariño e Enrique Velasco, co Hyundai I20 R5. 

Ambos os equipos con bolsas da Federación Galega de Automobilismo (FGA), formados por Alexis Vieitez-Cristian Álvarez e Marcos Maceiras-Sergio Iglesias, serán outros dos conxuntos con opcións dun bo resultado tanto na xeral como na Gara N5 e a Top Ten Pirelli B, na que é a súa proba da casa.

O Campionato Galego de Slalom chega ás Pontes

O Campionato Galego de Slalom continúa no día de hoxe coa súa terceira cita puntuábel, o Slalom das Pontes. Esta será unha proba un tanto diferente ás habituais, xa que carreira será no trazado do circuíto das Pontes, sendo o único de todo o certame deste formato.

Na listaxe de pilotos inscritos, que se eleva até un total de 59, eríxense como principais candidatos ao triunfo final Manuel Trevín e Iván Picallo, que polo de agora repartiron os triunfos nas dúas primeiras tiradas. Ademais, tamén aspiran ao máis alto Miguel Ángel García, líder de iniciación, ou Damián Pena, que marcha primeiro na clasificación de debutantes.

A primeira das mangas de adestramentos comezará ás 11 horas da mañá, sendo a segunda xusto a continuación. As dúas mangas oficiais arrancarán ás 16 horas da tarde, concluíndo coa entrega de premios ás 21.15.

Comentarios