"Os xogadores non sairemos ao campo": o ano en que o Celta secundou 2 folgas xerais

Os xogadores celestes acordaron en asemblea secundar o paro convocado o 29 de marzo de 2012 polos sindicatos contra a reforma laboral do goberno de Mariano Raxoi e, 8 meses despois, a folga do 14 de novembro contra os recortes sociais.

ascón
photo_camera Traballadores de Ascón no estadio de Balaídos (Foto: 'O mundo do traballo en Galicia', Feuga)

2012 foi un ano convulso. A ‘gran recesión’ que dera comezo en 2008 batía con forza en forma de despedimentos, desafiuzamentos e o empeoramento a pasos de xigante das condicións laborais e de vida de millóns de persoas.

Un escenario, ademais, marcado pola imposición dunha política de fortes recortes en servizos públicos (sanidade, educación...) e a aprobación de leis como a reforma laboral de 2012 do goberno de Mariano Raxoi, un desmantelamento en toda regra do “dereito do traballo a favor do capital”, en palabras do sindicato CIG.

2012 foi tamén o ano onde a protesta e mobilización contra esa situación tomaba forma a través dunha ferramenta como a folga xeral, das que se convocaron 2 cun intervalo de apenas 7 meses entre un paro e outro. Collíase así o relevo aos paros de 2011 (contra a reforma das pensións) e 2010 (contra a reforma laboral de Zapatero).

Asemblea de xogadores

A folga do 29 de marzo de 2012 convocouse polos sindicatos contra a recentemente aprobada reforma laboral do PP. As centrais CIG, LAB, ELA, CCOO, UGT, CNT, CGT, USO, entre outras, chamaron a secundar un paro que tamén apoiaron diferentes organizacións políticas e colectivos sociais.

A folga tamén tivo eco no mundo do deporte, se ben ese eco foi máis ben escaso. Poucos equipos deron o paso de se sumar ao paro. O plantel do Celta de Vigo decidiu en asemblea secundar a convocatoria da folga, polo que os futbolistas non adestrarían esa xornada nin farían ningunha outra actividade habitual, como atender os medios de comunicación. Na escuadra celeste estaban xa naquela altura xogadores como Iago Aspas, Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Yoel, Naxo Insa, Borja Oubiña, Jonathan Vila, Fabián Orellana… sendo o adestrador Paco Herrera.

Estaba daquela o Celta en Segunda División, logrando o ascenso a Primeira ao final da tempada e tras pasar 5 consecutivas na coñecida como ‘categoría de prata’.

Ese día, 29 de marzo, millóns de persoas secundaban a folga xeral no Estado. En Vigo, ducias de miles enchían as rúas da cidade olívica nas grandes mobilizacións convocadas polos sindicatos: por volta de 180.000, segundo os centrais, tomaron parte nas manifestacións na cidade.

Os sindicatos cifraron en 180.000 persoas as que participaron en Vigo nas manifestación do 29-M

Os cálculos dos sindicatos cifraban en medio millón de persoas as que participaron nas mobilizacións que decorreron nas cidades e vilas da Galiza.

En Primeria

A folga xeral do 14 de novembro colleu xa o Celta en Primeira División. Os sindicatos no Estado español e en Portugal decidiran convocar un paro de 24 horas contra as políticas de recortes e o ‘austericidio’. Unha decisión que foi secundada, en diferentes niveis e formas, noutros países europeos. En Italia convocouse unha folga de 4 horas para esa xornada, e tamén houbo paros en Grecia, Francia ou Bélxica ou Alemaña.

Só o Celta secundou esa folga xeral entre as equipas da 1º División, nunha decisión que tamén foi adoptada polos propios xogadores en asemblea. O Rayo Vallecano, que inicialmente ía secundar tamén o paro, decidiu finalmente exercitarse ese día “con normalidade”, segundo recollían os medios deportivos.

Foi o defensa celeste Carlos Bellvís quen comunicou a decisión do plantel aos medios o día anterior á xornada da folga xeral: "Os xogadores non saltaremos ao campo para adestrar".

Foi o defensa celeste Carlos Bellvís quen comunicou a decisión do plantel aos medios o día anterior á xornada da folga xeral: "Os xogadores non sairemos ao campo"

Non eran estas as primeiras veces que o Celta se ligaba ao movemento obreiro da cidade. A finais dos 70 e principios dos 80, no Vigo convulsionado pola reconversión naval e industrial, había manifestacións de traballadores que finalizaban sobre o céspede de Balaídos, entre os aplausos do público.

Unha delas deu nunha imaxe icónica dun Vigo industrial que xa non existe: a dos traballadores do estaleiro Ascón entrando puño en alto no campo de Balaídos ao berro de “Ascón, solución!”, coreado polos milleiros de persoas presentes nas bancadas.

O xene galego

Mais naquela época o compromiso do Celta tamén se manifestaba para co país que levaba representado nas cores da súa equipación.  O 4 de decembro de 1977, aínda aberta a coitelada de catro décadas de ditadura, os xogadores do Celta saltaban ao campo de Balaídos portando unha gran bandeira galega confeccionada para a ocasión nunha factoría de pantalóns de Redondela. Ao tempo, soaba por megafonía Os Pinos, descoñecido para gran parte dos presentes. Era a primeira vez desde a II República que a simboloxía nacional regresaba a un estadio de fútbol. E facíao pola porta grande.

Comentarios