mércores 19/01/22
PRIMEIRO DE MAIO

Seixo: “Consideramos moi xustificada unha nova Folga Xeral, e de seguir o PP así, non será a última”

Secretario xeral da CIG empraza aos sindicatos españois a ter “máis confianza na clase traballadora”
Suso Seixo
Suso Seixo

Ás portas dun Primeiro de Maio que se presume multitudinario, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, amósase confiado e convencido da resposta da cidadanía da Galiza nesta data “fronte aos ataques máis graves desde a Transición aos traballadores e traballadoras e aos servizos públicos”. A central nacionalista ten convocadas para este Primeiro de Maio dez manifestacións en cidades e vilas do país.

 Pregunta: A EPA marca un novo récord de persoas desempregadas na Galiza e no Estado, e o INE confirma que a economía española entra en recesión. Todo isto a escasas horas do Primeiro de Maio. Máis motivos aínda para saírmos á rúa?

Resposta: Estamos nun escenario profundamente preocupante. Mais non nos sorprende. Desde o inicio da crise viñamos denunciando que as políticas que se estaban a adoptar eran equivocadas, que eran medidas que non ían funcionar. Se a unha caída do investimento privado engades un recorte brutal no público, e todo isto o acompañas de actuacións que xeran paro e precariedade laboral, tes exactamente o panorama que temos. E lembremos que as perspectivas manexadas polo FMI sinalan que até o 2018 a economía española non acadará un aumento de máis do 2%, que é o preciso para xerar emprego. Por iso este Primeiro de Maio ten importancia. A CIG céntrao en dous grandes lemas, como son Por un emprego digno, non á reforma laboral do PP; e Na defensa do ensino e sanidade pública.

 P: A CIG fixo un emprazamento ás centrais sindicais vascas e españolas para convocar unha nova folga xeral a principios de xuño, tiveron resposta?

 R: Hoxe mesmo estiven en contacto cos secretarios xerais de CCOO e UGT. Eles coinciden en que a situación é preocupante mais non ven a necesidade dunha folga xeral, aínda que tampouco a descartan de plano. A nosa visión é distinta. Se ben sabemos que un mes despois da outra convocatoria de folga é pedir á sociedade un esforzo importante, hai que ter en conta que nunca se dera o que está a acontecer agora, cuns ataques directos a dereitos e a servizos públicos. E o goberno insiste en que vai seguir nesta liña. Por iso nós optamos por unha confrontación clara con esas políticas da dereita neoliberal. Consideramos oportuna e xustificada esta folga xeral e afirmámolo co convencemento de que se o PP segue así non vai ser a última. Fronte aos recortes e aos ataques que castigan a amplas capas da poboación debemos mobilizarnos. E hai que confiar máis na clase traballadora galega. Na Galiza, cando se lle pediu ese esforzo aos traballadores e traballadoras, sempre respostaron positivamente.

 P: De non apoiaren CCOO e UGT finalmente esa folga xeral, a CIG convocaríaa en solitario?

 R: Todo parece indicar que maio vai ser un mes de axitación e conflictividade porque as políticas do PP van seguir. Nós valoraremos como transcurre e tomaremos unha decisión. Se facemos a proposta aos sindicatos vascos e a CCOO e UGT é porque entendemos que a folga xeral debe ser a nivel estatal. Mais se iso non é posíbel, avaliaremos se hai condicións para a convocar. E non tanto obxectivas, que as hai e dabondo, senón subxectivas.

 P: As centrais sindicais semella que volven ser un referente para amplas capas da poboación, que ven nelas a liña que está a plantar cara ás políticas do goberno. Mais doutra banda, seguen a lanzarse mensaxes desde certos púlpitos e círculos do poder que inciden en que un sindicato é unha organización obsoleta e que vive das subvencións.

 R: A dereita quere implantar modelos a cada máis inxustos, desiguais e precarios. E os sindicatos somos incómodos, molestos para eles, pois opoñémonos a ese obxectivo. Na CIG entendemos que o noso papel é o que estamos xogando. Por un lado, a contestación social a esas políticas e a ese modelo. E, por outro, incentivar o debate, salientando que o modelo actual é errado e que hai que dar a batalla por outro modelo económico e político. Os sindicatos estamos ante un momento histórico en que debemos clarificar cal é o modelo ao que aspiramos.

 P: Nestas horas vén de sair á luz o que podería ser un posíbel cambio de táctica por parte de Alemaña, insinuando unha sorte de “Plan Marshall” europeo que axude á reactivación económica. Hai un esgotamento da simple aposta pola “austeridade”?

 R: Pode deberse a dúas circunstancias. Vai haber eleccións en varios lander alemáns e iso pode facer que a propia Merkel anuncie un cambio de políticas por electoralismo. E, alén diso, Alemania ten unhas perspectivas económicas baixas para este 2012. Pode haber un “parón” da economía alemá, que depende moito das exportacións, sobre todo a países da Unión Europea. E tamén pode ser, quizais, que todo iso sexa o inicio da idea de que co desenvolvemento de políticas de recortes e austeridade non vale. E neste sentido hai movementos para unha certa esperanza, como que Hollande en Francia lance as mensaxes que lanzou ou ben que ata na propia socialdemocracia europea se está a cuestionar o papel do Banco Central Europeo. Se todos estes debates van en serio, pode ser o inicio de algo. Veremos.

 P: Noutra orde de cousas, a CIG ten emprazado ao goberno para que non pague o que é a “débeda ilexítima”.

 R: Hai unha débeda, por decilo así, legal. Mais hai outra que é ilexítima, froito da especulación e de que os estados saíron salvar e avalar á banca. E non pode ser que as clases media e traballadora deban pagar as consecuencias disto. Cremos que os estados deben ter a valentía de se enfrontaren aos mercados e non pagar esa débeda ilexítima.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Seixo: “Consideramos moi xustificada unha nova Folga Xeral, e de seguir o PP así, non...
comentarios