Quico Cadaval e Carolina Rueda preludian o festival Atlántica

A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval actuarán no Salón Teatro de Santiago esta terza feira 18 de abril ás 20 horas.
Quico Cadaval nunha edición anterior do Festival Atlántica.
photo_camera Quico Cadaval nunha edición anterior do Festival Atlántica.

A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que terá lugar no mes de xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será esta terza feira, no Salón Teatro de Santiago, ás 20 horas.

Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival "Déjame que te cuente". Desde aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase "Bótalle aquel tan bo...".

Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023.

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

 
Encontro entre a Galiza e Colombia

Colombia e a Galiza teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. 

Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatro. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción. 

 

Comentarios