A Vangarda Alternativa musical dáse cita na Fundación Luis Seoane

Desde esta sexta feira e até o domingo, Vangal (Vangarda Alternativa Galega) decorre na Fundación Luís Seoane da Coruña, a presentar seis propostas musicais lideradas por mulleres.
Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)
photo_camera Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)

A Fundación Luis Seoane será a encargada de acoller, a partir desta sexta feira, o ciclo Vangal (Vangarda Galega Alternativa) de 2023, baixo o soporte do IMCE e o Concello da Coruña. Ao longo dos días 14, 15 e 16 de Abril Vangal presentará seis actuacións musicais. Na primeira xornada abrirá o encontro Faia cun concerto ás 21 horas, seguida dunha sesión de Dj de Teresa Ferreira ás 22.15 horas.

O sábado será a quenda de LaMontagne e PicoAmperio, ás 21 horas e, a seguir, de MounQup, ás 22.15 horas. Finalmente, o domingo actuarán Sheila Patricia, ás 19 horas, e Fillas de Cassandra, ás 20.15 horas, que fecharán a cita coruñesa.

Todas elas son propostas femininas pertencentes á repoboación folclórica xerada a través da vangarda alternativa galega. O ciclo Vangal naceu para dar a coñecer a amplitude creativa destas artistas e as súas diferentes caras.

Mulleres de rabiosa mocidade que están subliñando os poderes dunha feminidade políglota; en varios destes casos citados, centrados nunha adopción multidisciplinar dos seus respectivos universos creativos. Neste sentido, a programación de Vangal tamén estará acompañada dunha exposición sobre a obra gráfica da ilustradora e debuxante Teresa Ferreiro.

Palestras

Para ter unha radiografía máis profunda de cada unha delas, haberá charlas das artistas participantes. Nesta ocasión, por parte de Faia e MounQup que, baixo o título de “Ta mere la saltimbanque”, falarán sobre os procesos creativos e os coidados. Dúas visións de nai na música. Todo para poder ser partícipes das claves que marcan o proceso creativo destas artistas, abandeiradas dunha nova realidade galega que mira cara ás súas orixes e traza pontes con outras culturas. 

Comentarios