O MUMI volverá unir as músicas da Galiza e de Portugal

En maio abriranse tanto as inscricións profesionais como a convocatoria artística para participar na 4ª edición da feira, que se celebrará na Eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro.
O MUMI decorrerá do 21 ao 24 de setembro. Na imaxe, unha edición anterior do encontro.
photo_camera O MUMI decorrerá do 21 ao 24 de setembro. Na imaxe, unha edición anterior do encontro.

O MUMI 2023 volverá conectar artistas e profesionais da industria musical da Galiza e Portugal no mes de setembro. O encontro profesional das músicas do Miño xa ten datas para a edición deste ano. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral teñen unha nova cita na Eurocidade Valença-Tui desde o día 21 até o domingo 24 de setembro.

Esta edición amplíase a catro días de música e encontros profesionais que terán lugar en localizacións emblemáticas de ambos os municipios da raia e que converterán de novo a eurocidade nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países.

A feira terá tamén programación aberta á cidadanía, nas prazas e rúas de Tui e Valença, onde se poderá gozar dalgunhas das propostas musicais que se presentarán no presente ano. 

As inscricións abrirán en maio 

A principios do mes de maio a organización anunciará a apertura do prazo para que profesionais e artistas poidan inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. As propostas artísticas poderán candidatarse até o 31 de maio, mentres que as inscricións para profesionais continuarán abertas até as datas de celebración do evento. En ambos os dous casos, a participación será gratuíta.

O encontro profesional das músicas do Minho, explica a organización nun comunicado de prensa, volve á eurocidade co obxectivo de seguir medrando e para consolidarse como o mercado musical de referencia do oeste peninsular. A pasada edición a feira reuniu máis de 200 profesionais durante tres días nos que se programaron vinte showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, e un festival con bandas transfronteirizas. 

Comentarios