Contracultura

Laura Lamontagne e Pico Amperio: "O disco é unha forma de agradecer as cantigas"

Laura Lamontagne, cantautora, e Pico Amperio, DJ e produtor musical, unen as súas habilidades en Algo que sinalar, o seu primeiro disco, onde combinan poesía, sons do hip hop e música medieval galego-portuguesa. Ambos abordan a acollida deste traballo e a súa forma de achegarse aos sons que lles caracterizan, algo que, como din, “dá un valor á experimentación e á liberación das formas”.
A cantautora Laura Lamontagne e o DJ e produtor Pico Amperio (Foto: Nós Diario).
photo_camera A cantautora Laura Lamontagne e o DJ e produtor Pico Amperio (Foto: Nós Diario).

Cal está sendo a acollida de Algo que sinalar?

Pico Amperio: Está a ser un momento moi especial despois do reto que supuxo sacalo adiante e agora ver que á xente lle achega valor. O que queríamos mostrar con este traballo era a nosa experiencia vital.
 
Laura Lamontagne: Para min é un resumo destes anos de vida como grupo e como artistas. De feito, tivemos que escoller porque contabamos cun repertorio bastante amplo e quixemos afinar os temas e resumir toda esta vida. Tamén é unha forma de dar as grazas a estas cantigas, posto que foron a base que nos permitiu medrar.

Antes de publicar o disco saíu o sinxelo Banharemonos nas ondas que ten unha introdución particular.

P.A.: En 2019 o tema xa estaba ideado e estabamos buscando a fórmula na que se movía, faltábanos ese algo que che fixera chegar a el. Fixemos a introdución para un bolo no que quixemos ir introducindo os elementos que nos parecían máis significativos, como a voz e o mar tecéndose nun xogo que desemboca na rotura do tema. É como unha introspección que facemos, é falar do espertar, de espirse e quedar no ser máis puro para contar o que queres contar. Esa é a miña visión, mais tamén queríamos que tivera ese tempo estendido que leve a quen o escoita a cuestionar. 

L.L.: Naceu de casualidade e gustounos tanto que quedou. Por iso tamén o escollemos como o primeiro lanzamento antes de publicar Algo que sinalar. Gustábanos a idea de visualizalo como un nacemento tamén para nós, porque este é o noso primeiro traballo editado, unha explosión despois de tanto tempo pensando e traballando. É unha introdución que ten unha especie de maxia que nos resume a nós e a outras cousas que están presentes no resto de cancións. 

Os temas caracterízanse por ter letras antigas e unha música electrónica contemporánea. Como chegaron a este son?

L.L.: Foi un pouco orgánico. Hai anos eu estaba lembrando Ondas do mar de Vigo e intentando facer unha primeira aproximación co que tiña, unha guitarra, un teclado e pouco máis. Despois dun tempo coñecémonos e todo iso veuse arriba rapidamente traballando co ordenador. Para min foi como abrir un mundo de posibilidades. 

P.A.: Foi unha mestura da bagaxe musical e de concertos que trouxo Laura na súa mochila coa miña propia bagaxe musical, que estaba metida noutro tipo de proxectos, producindo co ordenador, gravando amigos en ambientes máis propios do hip hop. Penso que aí está tamén o desfrute e así foi como xurdiu o ritmo que nos caracteriza, nunha especie de eclosión. Ao final si que foi moi orgánico porque tampouco temos unha formación moi extensa na música. 

L.L.: Nós temos un método natural de facer as cousas, descubrindo técnicas a base de escoitar e de investigar sobre o que estamos escoitando. Foi moi divertido porque comezamos nun directo e xa tiramos para adiante. E tres anos despois estamos aquí. 

Como encaixa a súa proposta no panorama actual?

L. L.: Quizais esa inspiración que temos nos textos das cantigas, o feito de fixarnos na tradición escrita e non tanto do folclore ou da tradición oral. Nese sentido somos un pouco ratas de biblioteca. 

P.A.: En xeral estamos nun punto de intentar achegar cousas novas, que cada un achegue máis de si en lugar de que todos os grupos busquemos encaixar nunha forma máis comercial ou que lle poida gustar a todo o mundo. Isto é algo moi enriquecedor para o panorama da música galega porque lle dá un valor a experimentación e a liberación das formas, nós tamén nos alimentamos do que fan outras persoas. No que respecta a nós como grupo, penso que achegamos orixinalidade e unha fórmula ecléctica. 

Comentarios