Sheila Patricia cre no positivo da incerteza da profesión de artista

Sheila Patricia: "Na crise temos moitas máis oportunidades, sabemos navegar diante dos problemas"

Non é doado definir a música de Sheila Patricia. Ela mesma autoinclúese dentro do xénero da “World Music” da man dunha tradición galega que lle vén de familia. Nas súas cancións non é difícil atopar as mulleres como protagonistas partindo de situacións cotiás. A piques de sacar novo traballo discográfico, do que non quere adiantar contido, reflexiona cun chisco de autocrítica sobre a situación dunha profesión necesaria aínda que algo esquecida en tempos de pandemia.    
A compositora e cantante Sheila Patricia nunha actuación acompañada da súa guitarra. (Foto: Sheila Patricia)
photo_camera A compositora e cantante Sheila Patricia nunha actuación acompañada da súa guitarra. (Foto: Sheila Patricia)

Avante Pouca

De onde lle vén o amor pola música?

Desde pequena. Meu pai e miña nai dedicáronse á música e subín por primeira vez ao escenario con eles cando tiña 12 anos, miña avoa canta moi ben, aínda que se dedicou ao campo e ao mar, meu avó paterno foi saxofonista...  A música sempre estivo aí, como unha posíbel profesión. Con trece anos tiven a miña primeira guitarra, a de meu pai, e comezo a compor as miñas primeiras cancións. Algunhas, como é o caso de "Abandono", que gravei cando vivía en Madrid, aínda van comigo. Foi unha primeira composición motivada pola emoción das experiencias.

Cando decide que será a súa profesión?

Durante os anos de estudo da carreira de Filosofía estiven un pouco apartada. Fixen concertos, concursos... mais co tempo volvín hai uns seis anos.

Decateime de que había un espazo para as músicas máis tenues, que non fose o pop rock.

Avante Media 

En que se inspira agora para escribir as letras?

Fundamentalmente nas miñas experiencias. Dediquei o tema "Mariscadoras" á miña avoa. Inspírome no cotián, no sinxelo. Teño moi en conta a vida das mulleres e ollo cara a miña nai, o máis bonito que eu teño. Quero dar visibilidade ao cotián, pois é a esencia da vida.

Como leva a pandemia unha profesional da música?

Fomos un dos sectores que máis sufrimos a pandemia e non estamos visibilizados, se cadra por non ter sindicatos fortes que nos avalen. O único, a asociación Músicas ao Vivo. Moitas veces estamos moi desamparadas e a pesar de todo creo que debemos tomalo como unha oportunidade para formarnos, para coller forzas, crear e producir. Estamos acostumadas a vivir un pouco na incerteza, o noso traballo non ten unha estabilidade. Na crise temos moitas máis oportunidades que outra xente porque sabemos navegar diante dos problemas. Eu falo coas miñas compañeiras e compañeiros que, malia ter que dedicarnos nestes días a outras cousas, temos que resistir. A música é necesaria.

A que se debe que non haxa máis asociacións de profesionais da música?

As e os artistas estamos como nun limbo persoal, metidos un pouco no noso ego, no bo sentido e eu mesma inclúome. A creación lévanos a iso. Hai que saír e tratar de axudarse, facer colectivo é moi importante.

Avante Toda

Teremos algún día unha industria discográfica potente ou o modelo mudou?  

Por sorte ou por desgraza mudou totalmente. A autoxestión era un paso necesario, polo menos para min. Estou moi cómoda nela. Aínda que loites por estar cunha discográfica, tes que posicionarte ao principio. Temos na man unhas ferramentas importantes como son as redes sociais e hai moita información de como xestionalas con eficacia. Está todo aí, mais é un traballo a xornada completa. Eu fago oficina todas as mañás de todos os días do ano entre semana e por este motivo teño o meu traballo máis profesionalizado. O ideal sería erguerse e ensaiar, ou crear, mais se queremos dedicarnos a isto temos que traballar duro.

En que está a traballar agora?  

Comecei cos concertos estes días, pouco a pouco, e sacarei un traballo discográfico para o vindeiro mes de abril, bebendo da tradición galega e sempre acompañada da miña guitarra. Desta vez contarei cunha parte audiovisual potente que me acompañará e sigo gravando para ter todo listo.

Comentarios