Tanxugueiras prepara o lanzamento de "Averno", o seu novo 'single'

O tema, que será a súa primeira colaboración con Rayden, publicarase na medianoite da sexta feira, unha vez rematada a final do Festival de Benidorm.
Olaia Maneiro e Aida Tarrío, dúas das tres integrantes de Tanxugueiras, esta segunda feira, á súa chegada ao Festival de Benidorm (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
photo_camera Olaia Maneiro e Aida Tarrío, dúas das tres integrantes de Tanxugueiras, esta segunda feira, á súa chegada ao Festival de Benidorm (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).

Tanxugueiras lanzará esta sexta feira, 28 de xaneiro, o single 'Averno', a súa primeira colaboración con Rayden —que tamén participará no Festival de Benidorm—, e que formará parte do novo disco que o trío de pandereiteiras publicará en 2022.

'Averno' nace como unha declaración de intencións a respecto dun sentimento común: "a rabia". A canción parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo. O grupo publicou na súa conta de Twitter un pequeno adianto.

Esta canción, editada por PlayPlan Cultural e Calaverita Records, estará acompañada dun videoclip dirixido por Trece Amarelo e publicarase na medianoite da sexta feira, unha vez rematada a —hipotética— participación das Tanxugueiras na final do Festival de Benidorm, un evento do que sairá elixida a próxima representante do Estado español en Eurovisión.

Estrea en Benidorm

Tanxugueiras debuta no festival esta cuarta feira, a partir das 22.40 horas, na primeira semifinal da competición. Fronte ás galegas estarán Varry Brava, Azúcar Moreno, Blanca Paloma, Unique e Chanel. Non estará Luna Ki, que rexeitou participar após prohibir a organización do evento o uso do autotune nas actuacións.

No caso de superaren esta primeira proba —clasifican catro das seis artistas—, o trío conformado polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío enfrontariase na final da sexta feira ás outras tres vencedoras e vencedores do seu grupo e os catro gañadores da semifinal na que compiten Xeinn, Marta Sango, Javiera Mena, Gonzalo Hermida, Rigoberta Bandini, Rayden e Sara Deop.

Comentarios