sábado 29/01/22

Azúcar Moreno e Luna Ki, primeiras 'pedras' no camiño de Tanxugueiras cara Eurovisión

A banda galega leva semanas facendo campaña pola súa canción, 'Terra', e nun programa da radio recoñeceu abertamente que quere gañar para representar o Estado español no festival de música. Aliás, nestes días mesmo a ministra Yolanda Díaz defendeu esta candidatura ao evento que decorrerá en Benidorm a finais de xaneiro.
Orde de actuación no Benidorm Fest. (Foto: RTVE)
Orde de actuación no Benidorm Fest. (Foto: RTVE)

O Voy a morir de Luna Ki, que vai camiño de convertirse nun himno nas discotecas, o atractivo Raffaella de Varry Brava ou o Postureo das consagradas (a nivel do Estado español) Azúcar Moreno serán algunhas das primeiras trabas que vai atopar Tanxugueiras na competición por representar España en Eurovisión.

RTVE fixo pública esta quinta feira, 13 de xaneiro, a orde de actuación nas dúas semifinais das que sairán as bandas e solistas que estarán na final do Benidorm Fest, cuxa gañadora ou gañador participará no festival da canción xa case a nivel internacional.

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro participarán na primeira das semifinais e serán as sextas en saír nunha gala con sete actuacións previstas. Compartirán cartel tamén con Chanel, Blanca Paloma e Unique.

O evento do día 26, que será televisado, podería dar o pase á final a Tanxugueiras, posto que con Luna Ki é dos nomes que máis sonan do seu grupo.

Un dos seus principais competidores -pero tamén dos seus principais aliados-, Rayden, interpretará Calle de la llorería en idéntica posición, pero na semifinal do 27 de xaneiro. Con el estará outra das favoritas do público: Rigoberta Bandini.

Campaña a favor de 'Terra'

De ambos concertos sairán as candidaturas que loitarán pola representación do Estado español o día 29 de xaneiro. E mentres RTVE ultima os eventos e as galegas traballan na súa posta en escena, tamén están aproveitando para facer campaña polo tema Terra.

Se ben é certo que a canción estase a facer moi coñecida nas redes sociais, mesmo con reaccións de eurofanáticas doutros países -unha procura sinxela en Youtube fornece resultados do máis diverso-, as artistas tamén están a ser convidadas a distintos programas.

Sen ir máis lonxe, esta cuarta feira participaron no show radiofónico Cuerpos Especiales no que falaron de forma moi clara: malia garantir que xa se senten gañadoras con toda a repercusión que están a obter, aclararon que "todo o que se presenta a algo é porque quere gañar e quen diga que non, minte". 

Para intentalo van dar todo o bo do seu proxecto e da "tradición galega" e mesmo prometeron facer unha gran "foliada" se levan o premio do Benidorm Fest.

Yolanda Díaz, identificada

Curiosamente tamén a través dun programa de radio, a ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, confesaba nos últimos días que a súa aposta era por Tanxugueiras. A política destacou a mensaxe de apoio ás linguas minorizadas do tema candidato e asegurou sentirse moi identificada.

"En Madrid non se me entende, pero na Galiza sempre dicía que era transfronteiriza e elas falan de que non teñamos fronteiras", resumiu.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Azúcar Moreno e Luna Ki, primeiras 'pedras' no camiño de Tanxugueiras cara Eurovisión
comentarios