Tanxugueiras volta aos escenarios coa presentación da 'Xira Midas'

A banda galega, de actualidade pola súa candidatura para representar o Estado español en Eurovisión, fará un adianto do que será o seu próximo disco o próximo 26 de marzo.
tanxugueiras
photo_camera Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aída Tarrío son Tanxugueiras. (Foto: Tanxugueiras)

O vindeiro 26 de marzo, comeza a Xira Midas das Tanxugueiras. Ese día presentarán na Sala Pelícano da Coruña (22 horas) o seu novo directo no que incorporan a interpretación, ao vivo, dos novos sinxelos do grupo, como Terra, Figa, Telo ou Midas

As entradas para o concerto de presentación sairán á venda este mércores 5 de xaneiro, a partir das 12 horas, na plataforma Enterticket, á que se poderá acceder desde o sitio web oficial do grupo, www.tanxugueiras.gal. Os billetes estarán á disposición do público desde 15 euros (máis gastos de xestión) e as persoas menores de 16 anos que desexen acudir ao concerto deberán facelo acompañadas da nai, pai ou titora legal. 

O concerto da Coruña supón a presentación ao vivo do vindeiro traballo de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, un álbum que se publicará este 2022.

Cifras históricas

O grupo de pandeireteiras Tanxugueiras segue a reformular a música tradicional desde unha óptica contemporánea, que está a sorprender en todo o territorio estatal grazas ao seu último tema, Terra, co cal as cantareiras participarán no Benidorm Fest neste mes de xaneiro. 

No seu primeiro día de publicación, o 21 de decembro de 2021, Terra superou as 500.000 reproducións no conxunto de plataformas. Á semana, o tema sumaba máis dun millón de visualizacións en Youtube -ocupando os sete días os primeiros postos na lista de tendencias musicais- e máis de 500.000 en Spotify.

O mesmo día, o 28 de decembro, outro dos últimos sinxelos das cantareiras, Figa, tamén acadaba o millón de visualizacións en Youtube.

Da mesma maneira, moitas persoas descoñecedoras desta formación accedían a través destas plataformas dixitais aos seus contidos históricos. 

Comentarios