Rayden sobre Tanxugueiras: “Sen levantar unha arma están a facer máis polo galego que moita xente con guerras”

Rayden, nome artístico do rapeiro español David Martínez Álvarez, está chamado a ser un dos grandes competidores de Tanxugueiras na carreira por acudir a Eurovisión.

 

Tanxugueiras na Sala Rebullón (Foto: Trece Amarillo)
photo_camera Tanxugueiras nunha actuación na Sala Rebullón (Foto: Trece Amarillo)

A carreira por Eurovisión está que ferve. Na mesma, un dos candidatos máis fortes para competir co grupo galego Tanxugueiras é David Martínez Álvarez, nome real do rapeiro Rayden, que vai competir no Benidorm Fest coa peza Calle de la Llorería.

O espectáculo de Rayden conta cunha escenografía de Javier Pageo. “A posta en escena estaba xa pechada con Javier antes, así que non, non haberá mesa”, sinala Rayden a Europa Press, quen destaca que o tema producido por el mesmo e François  Legoffic está “cheo de referencias a Raphael, Nino Bravo, Paloma San Basilio, o rock andaluz e a música de raíz como as chirigotas e as saetas”.

Benidorm Fest

Rayden entende que Benidorm Fest é unha oportunidade para “dignificar a profesión” e “entrar en televisión non é pasar por ningún aro, é unha oportunidade tamén para moita xente que vén detrás”. “Moita xente ten medo de pór música en directo nas teles e o medo contáxiase”, lamenta Rayden.

O cantante español considera que Calle de la Llorería é unha “forma de validar e fortalecer a vulnerabilidade”. “Moitas persoas levamos décadas mamando culpa, e parece que non nos permitimos ser vulnerábeis, porque iso é de ser débil, de que de bo es parvo e de que che vai a comer a vida”, comenta Rayden.

“Aí empeza a saír todo o que conforma a túa persoa, co barullo que había que traballar”, continúa  Rayden quen recoñece que “grazas a iso puiden sacar unha canción na que conto que son vulnerábel e que todo vai ben”

A final de Turín

Rayden vese na final de Eurovisión en Turín .“Sen faltar por iso ao respecto aos meus compañeiros, que hai moitísimo nivel, si me vexo. A verdade é que me vexo alí e teño moitísima ilusión”, afirma o artista español.

O cantante destaca o nivel dos seus compañeiros de concurso. A este respecto, significa que “vaia quen vaia parecerame xenial porque sinto que teño pouco que perder e que estou a gañar xa”.

O rapeiro chega a comparar a Tanxugueiras con Rosalía de Castro e destaca  do grupo que “sen levantar unha arma están a facer máis polo galego que moita xente con guerras”.

Comentarios