'Código Emperador', de Jorge Coira, dá comezo á Semana do Cinema Galego

Esta cuarta feira proxectarase no Teatro Colón da Coruña o documental 'María Casares. A muller que viviu mil vidas'.
Fotograma de 'Código emperador', o filme de Jorge Coira que abriu a Semana do Cinema Galego.
photo_camera Fotograma de 'Código Emperador', o filme de Jorge Coira que abriu o certame.

Principia máis unha edición, a cuarta, da Semana do Cinema Galego. Un total de nove filmes vanse proxectar no Teatro Colón da Coruña ao longo destes seis días, en sesións das que participarán os equipos responsábeis das obras. Ás 20 horas desta terza feira deu o disparo de saída ao certame a película Código Emperador, de Jorge Coira.

No acto de apertura da Semana do Cinema interviu o propio Coira, acompañado da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rei; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, e Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña. O filme do director natural e Rábade é unha reflexión sobre as cloacas do Estado, e nel Luís Tosar encarna Juan, un home afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos.

"A Coruña volve así a ser unha referencia no ámbito da industria cinematográfica, posicionando o cinema galego a nivel nacional e internacional", celebrou a rexedora, que puxo en valor a produción cinematográfica local.

Para esta cuarta feira, ás 22 horas, está prevista a proxección do o documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que se estreou na Seminci de Valladolid e que vén de resultar gañadora do premio Mestre Mateo ao mellor documental.

O día 16 de marzo comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20 horas vaise proxectar Onde máis doe, un documental de Manane Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada na Galiza analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. 

Ás 22 horas exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por un Manuel Manquiña nun rexistro inédito na súa carreira. O filme reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez, así como o abandono das aldeas.

Longas ringleiras de persoas agardando entrar no Teatro Colón esta terza feira.
Longas ringleiras de persoas agardando entrar no Teatro Colón esta terza feira.

O programa do día 17 de marzo comezará coa proxección, ás 20 horas, de A Foreign Song, de César Souto, filme inspirado na obra e biografía do poeta estadounidense Wallace Stevens. Ás 22 horas, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk estatal. 

Na sesión do sábado 18 poderán verse, ás 19.30 horas, Live is Life, unha incursión de Dani de la Torre na comedia cunha historia ambientada nun verán inesquecíbel dun grupo de mozos na Galiza de 1985; e ás 22 horas, O corpo aberto, de Ángeles Huerta, a gran triunfadora dos Mestre Mateo, que obtivo doce galardóns, incluíndo os de Mellor Longametraxe e Mellor Dirección. A semana rematará o domingo 19 coa proxección de Valentina, a película de Chelo Loureiro, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no ano 2022. 

Comentarios