O público poderá ver o filme en salas a partir deste 8 de decembro

Ángeles Huerta estrea 'O corpo aberto' nos cinemas

Ángeles Huerta estrea esta quinta feira O corpo aberto, unha adaptación do relato de Xosé Luis Méndez Ferrín "Lobosandaus" (do libro Arraianos) que se desenvolve nas fronteiras, nos límites. O límite entre a Galiza e Portugal, mais tamén entre os que definen a nosa identidade: os lingüísticos, os de xénero, os que separan o corpo e a mente e mesmo os que separan a vida e a morte. 

Ángeles Huerta durante a rodaxe de 'O corpo aberto'. (Foto: Marcos Pereiro)
photo_camera Ángeles Huerta durante a rodaxe de 'O corpo aberto'. (Foto: Marcos Pereiro)

"O potencial que ten o relato de Ferrín é formidábel. Non só polo que conta, senón por como unha narración de inspiración romántica e mesmo gótica aborda temas moi contemporáneos. Hai unha serie de temas que seguen estando moi candentes nesta altura do século XXI", comenta Huerta en conversa con Nós Diario. "Creo que iso só pode pasar coa gran literatura". 

Cun elenco de luxo -Tamar Novas, Victoria Guerra, María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo e Miquel Ínsua-, O corpo aberto conta a historia dun profesor racionalista e burgués que, destinado a unha aldea rural na fronteira entre a Galiza e Portugal, ve cuestionada a súa visión do mundo ao entrar en contacto cun sistema de crenzas no que a morte convive con naturalidade co cotián, que amplían o campo do posíbel ao ter en conta o mundo dos mortos para enfrontarse cos problemas dos vivos. 

"En realidade, a mirada dese personaxe interpretado por Tamar Novas é a nosa mirada, a mirada do público" explica a directora. "Nós tamén estamos atravesados polo racionalismo e cremos que temos unha noción da nosa identidade que, se cadra, é demasiado estreita. E iso en termos políticos, lingüísticos, de xénero... Non somos de todo conscientes de até que punto estamos habitados polos defuntos, no sentido de que a nosa existencia está condicionada por historias que se contaron anteriormente, polos xestos e os feitos levados a cabo polos que viñeron antes". 

Huerta insiste moito en que o seu discurso non ten nada a ver con esa oposición fácil entre o urbano e o rural. "Parece que fóra da Galiza todo isto se ve como unha parte do atávico ou do místico, o que crea erros de percepción. Mais eu véxoo como algo máis relacionado co sentidiño. A cultura galega integra moito mellor a vida e a morte que os relatos racionalistas. Non quero resultar soberbia, pero creo que somos máis conscientes da presenza dese pasado e da influencia que ten nas nosas vidas. Non se trata de mostrar o rural como unha Arcadia feliz, son moi consciente da dureza dese medio; mais si de pór en valor determinados valores da cultura que precede á sociedade capitalista". 

En certo sentido, O corpo aberto pode situarse nesa crítica da Ilustración que esta quinta feira se desenvolve en grandes discursos académicos: un rexeitamento desa mirada occidental, branca e masculina, que sente que pode dominar o mundo a través, exclusivamente, da razón. 

"Si, e no filme iso reflíctese no papel que ten o son", corrobora Huerta. "Hai cousas que ollo ve e que o son desmente. Esa concepción da mirada como ferramenta de dominación ten moito que ver co delirio colonialista occidental. Cremos que por ver podemos subxugar o mundo, mais hai voces que rebaten esa cuestión. O meu filme non fala dunha sociedade atrasada en oposición a outra que acolle a modernidade, senón dun mundo completamente secularizado fronte a outro que mantén un vínculo coa parte máis espiritual do ser humano". 

 

Os corpos e o espírito 

Curiosamente, esa parte máis espiritual reflíctese nunha maior conexión co corpo, co mundo sensorial. "Claro, ese personaxe de Tamar é tamén un individuo alienado do seu propio corpo. Percebe o mundo unicamente a través da razón, da mente, e é a través do corpo como empeza a entrar en contacto con outras realidades. Os desexos reprimidos acaban enviándoo ao fondo da súa conciencia". 

O corpo aberto móstrase así tamén como un filme sobre o enfrontamento entre a razón e o desexo. Tamén reflicte a fluidez das identidades de xénero: Clamores, unha personaxe interpretada por Nicolás Otero, que é un actor transexual, é a máis consciente de vivir nos límites. "É unha personaxe que ten algo de Aqueronte, de guía que sabe perfectamente o que é habitar un corpo que non é o seu. De aí a súa sabedoría. Cando traballabamos na banda sonora con Mercedes Peón, ela, que é unha gran coñecedora do mundo rural, desa sociedade precapitalista, confirmábame que polo tipo de traballo que desenvolvían homes e mulleres esa liquidez entre os xéneros era máis aceptada, que existía unha relación máis saudábel co propio corpo".  

Estrear en galego

Huerta móstrase algo nerviosa ante a estrea do filme, que, na Galiza, poderá verse en Vigo, A Coruña, Ferrol, Xinzo, Lugo, Narón, Ourense, Santiago e A Estrada. "Un filme nunca se completa até que chega ás salas. Desta vez puidemos estrear en salas relativamente cedo, mais a acollida nos festivais polos que pasou desde a fin da rodaxe até o de agora deunos moi boas expectativas, sentimos que o público agradecía unha película na que se confía na intelixencia das persoas espectadoras". 

A aposta de estrear no resto do Estado en galego segue sendo dura, mais a directora cre que a situación está cambiando para mellor. "No resto do Estado imos estrear en moitas salas. Segue habendo algúns desequilibrios territoriais curiosos, mais o certo é que as cousas son agora algo máis fáciles. Somos moi conscientes de que iso debémosllo a todas as compañeiras e compañeiros que viñeron antes e que nos permiten partir doutro punto de saída. Este é un labor de todos e todas e, se me apuras, un traballo de país".

Comentarios