Cinema

'O Corpo Aberto' consegue 12 premios na edición dos Mestre Mateo de 2023

O filme da cineasta Ángeles Huerta obtivo 12 galardóns, entre eles o da mellor longametraxe, o da mellor dirección e o do mellor guión.
Galardoados na edición 2023 dos premios Mestre Mateo (Foto: Academia Galega do Audiovisual).
photo_camera Galardoados na edición 2023 dos premios Mestre Mateo (Foto: Academia Galega do Audiovisual).

O corpo aberto, de Ángeles Huerta, resultou a obra máis premiada na gala dos vixésimo primeiros Mestre Mateo. A actriz Bárbara Grandío foi a mestra de cerimonias do evento, acompañada sobre o escenario do Teatro Municipal de Ourense polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla.

A película rodada na Baixa Limia, O Corpo Aberto, gañou o Mestre Mateo á mellor película, e ademais, fíxose co premio até en 12 candidaturas do total de 14 nas que a película de Ángeles Huerta estaba nomeada. A directora non quixo esquecer o seu agradecemento coas xentes das localizacións nas que se rodiu O corpo Aberto: “Quero acordarme da xente do Xurés. De Bragança, de Tourém... Dos nosos amigos de Muíños".

A ópera prima de ficción da directora conquistou as categorías de mellor longametraxe, dirección e guión, galardón este último que compartiu con Daniel D. García. As e os académicos tamén recoñeceron cos seus votos a interpretación neste filme como protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez.

O corpo aberto gañou tamén os premios á mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.

Rapa, que partía con 19 candidaturas finalistas, conquistou 4 galardóns. Entre eles, os de mellor serie de televisión e mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias. Os membros da Academia recoñeceron o traballo das súas actrices cos galaróns a mellor interpretación feminina protagonista para Lucía Veiga e mellor interpretación de reparto para Berta Ojea.

Lucía Veiga recolleu o seu premio por Rapa e con retranca fixo alusión á súa anterior profesión nun aceno para os creadores: "Ten que ser unha demostración de valentía coller a alguén que até 2016 vendía teléfonos móbiles”, dixo. Tamar Novas, ao recoller o galardón polo seu papel protagonista na película O Corpo Aberto, lembrou, como a directora do filme, a boa acollida que tivo o elenco da película nos diferentes escenarios.

Un dos momentos máis emotivos da noite viviuse cando o italiano Simone Saibene recolleu o galardón polo mellor programa de televisión para Cinephilia, o espazo de Telemiño dedicado ao cinema. O director e condutor do programa lembrou a época da súa tese sobre o cinema galego: "Empecei a documentarme sobre o cinema galego en 2001. Despois de tantos anos, ver como o audiovisual galego segue medrando... É unha emoción pola miña traxectoria persoal, estou orgulloso e para min é unha honra moi grande formar parte desta familia", dixo.

O Mestre Mateo de honra Fernando Rey foi para o compositor musical Nani García, que reivindicou o papel da composición e da orixinalidade fronte ás novas tecnoloxías: "Busquemos aquilo que nos afasta da intelixencia artificial".

O premio a mellor anuncio publicitario recaeu na peza As Estrellas do camiño - Miradas de Resistencia, de Kaito Estudios e Estrella Galicia. O audiovisual da canción NOA, de Guadi Galego, producido por Toño Chouza, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip. Ademais, La entrega, de Pedro Díaz, obtivo o galardón a mellor curtametraxe.

Esther Estévez Casado foi galardoada por segundo ano consecutivo como mellor comunicadora. "Son unha privilexiada, é un soño”, dixo a presentadora de Dígocho Eu na Televisión da Galiza. Pola súa parte, o premio a mellor película documental foi para a obra María Casares. A muller que viviu mil vidas.

Nesta edición volveron as categorías de animación aos Mestre Mateo, e os recoñecementos recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe de animación e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe de animación. 

O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Catro Gatos e Delicias amargas, de Kraken Media, e Historias vageniales, de Raquel Nogueira, a mellor serie web. Nogueira conseguiu arrincar os risos ao público cando afirmou que era "a primeira vez que unha muller recibe un Mestre Mateo por facer e dicir o que lle sae da cona".

Adrián Castiñeiras, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Isabel Naveira, Mayka Braña, María Mera, Monti Castiñeiras, Noelia Rey, Tito Asorey e Trisha Fernández  foron os encargados de anunciar ás gañadoras, nunha gala que contou coa música da cantautora Silvia Penide e a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas. 

Comentarios