Contracultura

Ángel de la Cruz: "Cremos que 'O home e o can' é un bo filme para festivais, por iso queremos facelo viaxar"

Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963), escritor e cineasta, debulla o seu último filme como director, O home e o can, que se estreou onte no Festival de Cine de Ourense. De la Cruz refírese ao neorrealismo na obra, ás voltas que deu o proxecto até chegar ao que é, e á soidade, que non é só a física, senón que tamén está, como el di, “a que procuramos coa nosa forma de vida cando, aínda rodeados de xente, non interactuamos nin vemos o que acontece na nosa contorna”.
O cineasta Ángel de la Cruz é responsábel de éxitos como 'O soño dunha noite de San Xoán'. (Foto: Xulio Gil)
photo_camera O cineasta Ángel de la Cruz é responsábel de éxitos como 'O soño dunha noite de San Xoán'. (Foto: Xulio Gil)

Que papel ten a cidade de Ourense en O home e o can?

Queríamos que as localizacións participasen realmente da historia, non que fosen só un escenario. Por exemplo, nas Burgas ten lugar unha secuencia fundamental para a película que é cando se atopan os dous protagonistas: Manuel, un tipo moi inxenuo e inocente, e Paula, unha rapaza que vén dunha familia desestruturada, que inclusive rouba, mais que é a única que lle fai caso. Na cidade é onde el leva a cabo unha especie de odisea buscando unha filla que lle quitaran e que lle dixeran que estaba morta, naqueles anos da transición onde moitas crianzas eran dadas a familias máis posíbeis economicamente falando. 

Tamén hai moito de soidade nesas historias.

Non é o argumento principal pero está. No comezo descubrimos que Manuel, xunto co seu can, é o último habitante da súa aldea, ambientada en San Cristovo de Cea. Cando chega á cidade, o seu irmán está moi doente e é coidado pola súa filla. Tamén está a outra familia, con máis recursos e que supostamente acabou levando a filla, onde hai unha persoa con alzhéimer internada nunha residencia. Curiosamente, Manuel nunca botara en falta nada, mais cando chega á cidade e está rodeado de xente é cando máis só se sinte. Unha das escenas que máis me custou rodar é a da cea de Nadal, onde hai unha incomunicación incríbel. Non soamente falamos da soidade física, tamén está a que procuramos coa nosa forma de vida cando, aínda rodeados de xente, non interactuamos nin vemos o que acontece na nosa contorna.

Como chega a inspirarse no neorrealismo?

En realidade eu non ía dirixir este proxecto; a idea orixinal, de 2014, é de Rafael de los Arcos. El chamou a Diana López Varela e a Analía Alonso para escribir o guión e pedíronme a min tamén que participase. Rafa marchou para outro proxecto en Barcelona e pediume que dirixira eu este porque xa non estaba interesado. De feito, ao ser de Vigo, a historia sucedía aí, e cando entrei como director, como son da Coruña, a localización pasou a ser esa. Finalmente escollemos Ourense porque hai máis aldeas abandonadas que na costa e era algo que queríamos contar. A homenaxe ao neorrealismo foi unha decisión tomada desde o principio, coa dirección de Rafa, igual que o feito de rodala en branco e negro. Inclusive valoramos a posibilidade de facela nun formato 4:3 en vez de 16:9, mais iso xa era máis complexo á hora de proxectar. A min sempre me gustou o neorrealismo italiano, quería ese ton de naturalidade e de realidade. De feito, hai oito ou nove actores profesionais, outros que son afeccionados e hai até 55 personaxes con frase que saen na película e son xente que non son actores. Sendo coherentes con esta homenaxe ao neorrealismo non queríamos intervir nas localizacións, e a realidade é que o branco e o negro dan unha patina fermosa á textura da pedra na aldea ou no casco histórico. E o mesmo cos primeiros planos, é perfecto.

Cales son as expectativas de cara ao festival?

Finalmente está na sección oficial de concurso e un pouco por todos os comentarios que nos chegan cremos que a película é un bo produto para festivais, por iso queremos facela viaxar. Para nós era un compromiso estreala en Ourense porque a xente abriunos as portas desde o primeiro momento e foron todo facilidades. Agora estamos movendo as copias para que, xa estreada, sexa cal sexa o resultado, poida chegar a outros festivais, xa que está rodada integramente en galego e xa está subtitulada ao inglés e ao castelán. A idea é ter un bo percorrido de festivais e despois estreala en xaneiro ou en febreiro, non moi lonxe do Nadal.

Comentarios