A IV Semana do Cinema Galego programa nove filmes en seis días

O programa estará conformado por filmes que suman corenta nominacións aos premios Mestre Mateo.
Luís  Tosar en 'Código Emperador'.
photo_camera Luís Tosar en 'Código Emperador'.

A Coruña acollerá do 14 ao 19 de marzo a IV Semanado Cinema Galego, unha celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientábel da produción audiovisual galega do último ano. 

Un total de nove filmes -os seleccionados como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo, que xuntos suman 40 nominacións- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. 

 

A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira, que se exhibirá o día 14 de marzo ás 20 horas, tras o acto oficial de inauguración. A película, estreada no último Festival de Málaga, é unha reflexión sobre as cloacas do Estado, e nela Luís Tosar encarna a Juan, un home afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos.

O día 15, ás 20.00h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que se estreou na Seminci de Valladolid.

No ecuador da Semana, o día 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20 horas vaise proxectar Onde máis doe, un documental de Manane Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada en Galicia analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Un chisco máis tarde, ás 22 horas exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por un Manuel Manquiña nun rexistro inédito na súa carreira. O filme, que reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, gañou seis galardóns na 31 edición do Festival de Cine de Madrid, incluído o Premio da Crítica.

O programa do día 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20 horas, de A Foreign Song, de César Souto, filme inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens. O documental obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial.

Algo máis tarde, ás 22 horas, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional. 

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 horas a cita é con Live is Life, unha incursión de Dani de la Torre na comedia cunha historia ambientada nun verán inesquecible dun grupo de mozos na Galicia de 1985. E de segundo, ás 22.00 h, será O corpo aberto, de Ángeles Huerta, quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas dun filme gótico inspirado na obra Arraianos de Méndez Ferrín. 

A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30 horas, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022. Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista.

 

Logo da boa acollida da súa pasada edición, con máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron os pases dos dez filmes proxectados, a mostra repite fórmula e propón unha semana para celebrar a puxanza do audiovisual galego. 

Con esta nova cita, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. 

A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca.  

Comentarios