'As Bestas' arrasa nos Premios Goya con nove galardóns

Luíz Zahera recolleu o premio ao Mellor Actor de Elenco pola fita de Sorogoyen; Alberto Vázquez foi galardoado co premio á Mellor Película de Animación por Unicorn Wars, e Fran Araújo, recoñecido na categoría de Mellor Guión Adaptado por Un año, una noche.
Luís Zahera recolleu o Goya ao mellor Actor de Elenco 2023. (Foto: Europa Press).
photo_camera Luís Zahera recolleu o Goya ao mellor Actor de Elenco 2023. (Foto: Europa Press).

As Bestas, gran favorita da 37 edición dos Premios Goya con 17 candidaturas, conseguiu nove dos galardóns, entre eles algún dos máis cobizados, como os de Mellor Película, Mellor Dirección, para Rodrigo Sorogoyen, ou Mellor Actor Protagonista, para Denis Ménochet, que privou do éxito os galegos Luís Tosar, por En los márgenes, e Javier Gutiérrez, por Modelo 77.

O filme de Sorogoyen, ambientado na Galiza, valeulle a Luís Zahera o premio ao Mellor Actor de Elenco, ao que tamén aspiraba pola mesma fita o galego Diego Anido.

As Bestas completou o seu particular palmarés con outros cinco galardóns noutras tantas categorías: Mellor Guión Orixinal, para Isabel Pena e Rodrigo Sorogoyen; Mellor Música Orixinal, para Olivier Arson; Mellor Montaxe, para Alberto do Campo; Mellor Son, para Aitor Berenguer, Fabiola Ordoyo e Yasmina Praderías, e Mellor Dirección de Fotografía, para Álex de Pablo.

Cine en versión orixinal

Este último, foi, segundo recoñeceu o director, Rodrigo Sorogoyen, un dos que máis ilusión lle fixo xunto ao feito de que recadase máis de catro millón de euros e non se estrease dobrada, "unha proba máis de que hai que apoiar o cinema en versión orixinal, porque perde a esencia se a dobras", destacou.

O director galardoado asegurou que As Bestas "superou todas as expectativas" ao tempo que lamentou que haxa "demasiadas películas boas que tiveron pouca visibilidade".

Baleiro para 'Alcarràs'

Alcarràs, de Carla Simón, marchou de baleiro, sen ningún recoñecemento malia estar entre as favoritas con 11 candidaturas e colleitar éxitos como o Oso de Ouro á mellor película no Festival Internacional de Cinema de Berlín 2022 ou ser a elixida polos academia para representar a España nos premios de Hollywood.

Modelo 77, de Alberto Rodríguez, fíxose coa segunda posición en canto a premios, ao recoller cinco, na súa maioría en categorías técnicas, dos 16 aos que aspiraba.

Cinco lobitos, de Alauda Ruiz de Azúa, que partía con 11 candidaturas, logrou outros tres Goya que recoñeceron ás súas actrices principais, Laia Costa e Susi Sánchez, e a súa directora, Alauda Ruiz de Azúa, premio á Mellor Dirección Novel.

Mellor animación, para Alverto Vázquez

A Mellor Película de Animación recoñeceu a Unicorn Wars, dos galegos Alberto Vázquez e Chelo Loureiro, quen destacou o carácter feminista e antibelicista do filme.

Era una das categorías era a máis disputada, con cinco títulos optando ao galardón final, nun ano no que foron candidatos máis longametraxes que en edicións anteriores.

Outro galego, o guionista vigués Fran Araújo, fíxose co premio ao Mellor Guión Adaptado por Un año, una noche, de Isaki lacuesta, un premio compartido co director da película e Isa Campo.

As curtas galegas, sen premio

No apartado de curtametraxes, o Goya á Mellor Curtametraxe de Animación foi para Loop, de Pablo Polledri; o de Mellor Curtametraxe Documental para Maldita. A Love Song to Saraievo, de Amaia Remírez García e Raúl de la Fuente; e o de Mellor Curtametraxe de Ficción para Arquitectura Emocional 1959, de León Siminiani.

Tres categorías nas que competían tres curtas dirixidas por galegos: Amanece la noche más larga, de Carlos Fernández de Vigo, en animación; Memoria, de Nerea Barros, en documental, e La entrega, de Pedro Díaz, en ficción.

Cine internacional e feminino

Nunha chiscadela ao cinema internacional, o Goya á Mellor Película Iberoamericana foi para Arxentina, 1985, de Santiago Mitre e a Mellor Película Europea premiou a A peor persoa do mundo, de Joachim Trier (Noruega).

A familia de Carlos Saura recolleu o Goya honorífico no seu nome, un día despois do seu falecemento, e Juliette Binoche levou o Goya Internacional nunha cerimonia na que as mulleres volveron ser protagonistas en solitario en categorías como Mellor Dirección de Producción, para Manuela Ocón Aburto (Modelo 77) e Mellores Efectos Especiais, para Esther Ballesteros e Ana Rubio, por Modelo 77; pero sobre todo compartindo premios cos seus compañeiros: guión orixinal, película documental, curta documental, son, maquillaxe.

Séguese resistindo o Goya á Mellor Dirección polo que esta vez competían Carla Simón (Alcarràs) e Pilar Palomero (La Maternal) e que finalmente recaeu en Sorogoyen.

Até a data, so só Pilar Miró con El perro del hortelano (1997); Iciar Bollaín con Te doy mis ojos (2004), e Isabel Coixet, con La vida secreta de las palabras (2006) e La librería (2018) lograron este recoñecemento.

Comentarios