Rosalía de Castro será nomeada filla adoptiva de Dodro

O nomeamento decorrerá no pleno municipal do vindeiro 11 de agosto.
Casa do Concello de Dodro. (Foto: Concello de Dodro)
photo_camera Casa do Concello de Dodro. (Foto: Concello de Dodro)

O Concello de Dodro vén de anunciar que Rosalía de Castro será proposta para a concesión do título honorífico de maneira póstuma de Filla Adoptiva de Dodro.

Será o vindeiro 11 de agosto cando a Corporación vote nun pleno a favor ou en contra da iniciativa, impulsada en abril pola Concellaría de Cultura e Patrimonio de Dodro.

Para o Goberno local, "este nomeamento supón un exercicio de xustiza social polo traballo e contribución da poeta na defensa da nosa lingua e cultura galega, pero sobre todo un exercicio de democracia cultural".

Sobre a escritura da poeta, a Concellaría de Cultura e Patrimonio destaca que "constitúe un estímulo para a creación cultural, un referente pedagóxico e un emblema identitario para as novas xeracións".

Rosalía de Castro en Dodro

A autora, figura destacada do Rexurdimento, residiu en Dodro en diferentes épocas da súa vida. Alí naceron en xullo de 1871 os seus xemelgos Gala e Ovidio.

"Non é posíbel falar de Dodro sen falar de Rosalía de Castro e viceversa, coa autora Dodro aparece na cartografía literaria da Galiza", asegura o Goberno local.

Aliás, a poeta redactou algunhas das súas obras no municipio, como Padrón y las inundaciones, El primer loco ou En las orillas del Sar. "A poeta que é todo un emblema da Galiza converteuse ademais na principal embaixadora cultural deste municipio e da súa poboación", subliña o Concello.

Segundo a Concellaría de Cultura, está previsto que o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, asista ao pleno no que se nomeará Rosalía de Castro Filla Adoptiva de Dodro, e convida a veciñanza do municipio a "compartir un acto tan emotivo".

Comentarios