A Galiza homenaxea a Rosalía de Castro no seu día

Ducias de actos lembran a poeta nacional galega. Desde o Parlamento até as Deputacións pasando por numerosos municipios e entidades sumáronse a conmemorar a data en que naceu Rosalía de Castro.
Ofrenda floral polo Día de Rosalía en Lugo (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Ofrenda floral polo Día de Rosalía en Lugo (Foto: Deputación de Lugo).

Distintos actos conmemorativos, lecturas, ofrendas florais e 'alboradas' homenaxearon onte por toda a Galiza a figura de Rosalía de Castro. No Parlamento galego tivo lugar unha homenaxe oficial coa participación da Fundación Rosalía de Castro e da Xunta, así como alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Padrón, que leron poemas da autora.

Previamente, en Compostela, realizouse un acto conmemorativo no Bosque do Banquete de Conxo, concretamente á beira do Carballo de Conxo, que opta a Árbore Europea do Ano. Nel participaron a cantante Uxía Senlle, a poeta Xiana Arias e as nenas e os nenos do CEIP Quiroga Palacios.

Actos da AELG e as Deputacións

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou onte un ano máis o Día de Rosalía, co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) empregando este ano o lema #SementadePensamentos. Realizou varios actos nos que se procedeu á lectura do manifesto realizado pola escritora Beatriz Maceda e tamén dalgúns poemas rosalianos.

Na Coruña, en colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, o acto tivo lugar diante do Teatro Rosalía.

En Lugo, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, realizaron unha ofrenda floral no Parque de Rosalía de Castro.

En Vigo, coa colaboración da Asociación Cultural O Castro, os actos comezaron na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12), onde se colocou a ofrenda floral. Posteriormente, no mesmo lugar, sede da Asociación Cultural A Revolta, procedeuse á lectura do manifesto.

A Deputación de Pontevedra sumouse á celebración do Día de Rosalía cun acto este 23 de febreiro en Pontevedra e para o día 24 terá outro na súa sede de Vigo. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu lado, celebrou a xornada cun reparto de caraveis e láminas cunha reprodución dun gravado realizado polo artista visual lucense Antonio Mourín, inspirado no poema Quíxente tanto, meniña. En total, ao longo da xornada, distribuíronse 500 exemplares deste agasallo conmemorativo polo Día de Rosalía.

Comentarios