Opinión

O patriotismo rosaliano

É unha das febras da obra de Rosalía de Castro que a converteron nun símbolo nacional, embora máis ou menos adaptado ás circunstancias políticas. De feito, esta súa perspectiva nunca foi acollida con entusiasmo polos poderes oficiais. Trátase dunha febra que percorreu toda a súa obra e traxectoria vital, tanto en tempos de esperanza como de angustia ou frustración, se queremos, sensación de derrota. Mesmo na fase final da súa vida, máis triste e precaria, está presente un patriotismo aceso. Con todo, tense subliñado, de forma tan reiterada como obsesiva, a manifestada decisión rosaliana en 1881 de non escribir máis en galego, sen se ter presente a causa desta reacción momentánea nin a súa disposición a facelo, se os editores respectaban certas condicións que descoñecemos. Foi, pois, unha decisión de carácter reversíbel. Aliás, esquécese, con facilidade, que provocou esta reacción nunha muller que, na altura de 1880 comezara a recuperar, cunha obra xigante en galego, Follas Novas, a súa aparición pública, após moitos anos de silencio editorial non voluntario. Foi un ataque insidioso dos dous grandes xornais galegos, El Anunciador da Coruña e La Concordia de Vigo, contra ela, polo contido dun seu artigo, publicado por entregas en El Imparcial de Madrid en 1881. Descoñecemos o contido exacto deses ataques. Porén, podemos albiscar, pola parcial e censurada reacción dela que se conserva, que se tratou dunha mestura de moralismo católico con rexionalismo á española. É dicir, o artigo resultaríalles inmoral e atentatorio contra a fama de Galiza. Sen dúbida o flaxelo tiña en conta os antecedentes da autora, o seu ostracismo e a súa heterodoxia. Agora reaparecía petando onde máis lles doía a estes voceiros da conformidade coa servidume de Galiza.

Rosalía facía fincapé na súa condición nacional galega exclusiva, na súa independencia de criterio ideolóxico e moral para falar do seu país, das súas clases representativas. Contaba de que forma chegara a se identificar co seu pobo e a ser consciente da súa condición nacional. Lembraba o seu percorrido por outras terras peninsulares, sentindo ausencias e soidade, non por iso allea ás emocións que o coñecemento deses lugares espertaba na súa alma. Eran, con todo, para mi extranjeras. Nelas, por contraste, "aprendín a coñecer as fermosuras do meu país e a amar con amor interminable esta ditosa patria miña". Desde entón, ficou prendida do empeño en combater o autoodio dos galegos estudados respecto do seu pobo e da súa lingua. Había que mostrar o que é o país galego e o que son os nosos campesiños. Así o fixo. Neste caso, describindo paisaxes, costumes, actitudes e comportamentos colectivos, no interior e na costa, facendo incidencia na afabilidade e hospitalidade destas sociedades precapitalistas, lonxe do que pasa no mundo civilizado. E non obviou un costume que lembraba a hospitalidade dos considerados pobos primitivos. A esposa, a filla ou a irmá da familia mariñeira ofrece un lugar no seu leito, durante unha noite, ao mariñeiro forasteiro, que permanecese longo tempo sen tocar terra, como acto humanitario, caritativo, deber de hospitalidade. Que inmoralidade! Pero o que máis proe: que conciencia de ser galega! A Rosalía que morre un 15 de xullo de 1885 segue a ser unha muller cun amor interminábel polo seu país. Era muller de clara razón e grande intelixencia. As mutacións habidas desde entón, algunhas tan destrutivas, non fan máis que afondar na razón da causa rosaliana, e colócannos perante unha realidade que nos segue a interrogar sobre a nosa condición nacional e a necesidade de identificación co pobo galego, con nós mesmos, amando con amor interminábel esta ditosa patria nosa, se queremos que haxa futuro.

Comentarios