Anxos García: "Rosalía está incandescente, aínda arde para nós; non é cinza, é unha obra que perdura"

Logo de celebrarse o Día de Rosalía de Castro a pasada cuarta feira, as homenaxes á escritora seguen a sucederse. Anxos García é a promotora de A rosa incandescente, unha curtametraxe que fai un percorrido pola súa figura e que se estreou o sábado pasado no auditorio municipal de Chantada.
Anxos García
photo_camera Anxos García é mestra de lingua e literatura galega.

Como nace esta iniciativa?

O xerme da idea xurdiu no meu traballo, dentro deses retos que temos as profesoras de comunicar mellor unha cuestión ao alumnado, neste caso, a figura de Rosalía de Castro. No marco da celebración do seu día ocorréusenos facer un percorrido pola súa obra cunha lectura guiada pola propia escritora. Logo chegou o confinamento e tiven tempo para madurar a idea e facer un guión cinematográfico. Deillo a ler a algunhas persoas, gustoulles e comezamos a valorar en serio facer a curtametraxe. É unha idea que se converte nun soño.

En que se centra a curtametraxe?

Non temos a intención de contar a vida de Rosalía, pero si transmitir certos aspectos que nos parecían interesantes. Demostrala como unha muller botada para adiante, moi rompedora na súa época, que escribiu cousas que para os seus contemporáneos deberon de ser bastante sorprendentes. Foi forxándose a si mesma como unha figura valente, sen medo a dicir o que pensa e o que sente.

Máis que a Rosalía lánguida, represéntase unha muller que toma as súas decisións, con valentía, o que lle crea problemas de incomprensión e de rexeitamento no medio social no que se move, xa que está dominado por mentes masculinas que non están polo labor de tratala como a unha igual.

Escápaselles en todo momento do que para eles tería que ser unha muller e mesmo unha muller literata. Non se deixa dominar nin polas conveniencias nin polos intereses económicos. Pasouno mal tamén e quixemos mostralo, esa persoa que ao final da súa vida é como se se sentise acurralada pola incomprensión, pola enfermidade e polos problemas económicos.

Entón, a ollada feminista tamén está presente.

Desde o primeiro momento. Os primeiros textos que ela escribe son moi feministas. Sempre ten esa visión e esa conciencia de que ela é unha muller e que o camiño que quere transitar non está preparado para as mulleres, é un traxecto que lle vai resultar moi complexo. Desde o seu primeiro ensaio, Lieders, está claro que ela o entende perfectamente e o asume con valentía.

Como foi o proceso de gravación?

Cando comezamos esta viaxe tiñamos moitas incertezas, porque o audiovisual é moi caro. Eu tiña claro que ía por todas e que se non ía haber diñeiro das institucións, ía pór dos meus aforros. Logo tivemos a xenerosa axuda do Concello de Chantada. Todas as persoas que estaban inmersas no proxecto conectaban co guión e coa idea, sentíanse parte disto. Dunha maneira ou doutra, querían estar aí, con moita xenerosidade pola súa parte. Iso penso que se nota, a paixón que lle puxemos todos. 

Foron tres días moi intensos no Pazo de Sabadelle, que é un lugar que encaixaba moi ben co mundo rosaliano. A contorna, as carballeiras, os prados que hai arredor. Coidamos moito os detalles, que dan moito carácter á curtametraxe. Para nós é algo que ofrecemos ao país. Estas imaxes, sons... son parte da nosa cultura, con isto queremos transmitir o que somos e de onde vimos. Esa Galiza xa non existe, pero existe porque está presente na súa obra, en cada lectura vólvese activar. En cada nova visión do filme queremos que se active de novo esa Galiza de Rosalía.

A que se debe a escolla do título?

A rosa é unha flor belísima, a metáfora incesante da poesía occidental como a beleza, a xuventude, a fugacidade do tempo tamén... O de incandescente ten que ver coa paixón que ela lle puxo a súa obra e á súa vida. A súa capacidade de transmitir os seus sentimentos, pero tamén os da colectividade da que forma parte. Rosalía está aínda incandescente, aínda arde para nós. Non é cinza, é unha obra que perdura e que está viva. Ten moito que dicirnos e moitos valores que son perfectamente válidos para o mundo que nos tocou vivir.

Comentarios