María Barcala: "Rosalía debería estar máis presente, non só no teatro senón noutros eidos da vida social"

A compañía Teatro do Atlántico está de xira coa obra Libre coma os paxaros, un monólogo baseado en textos de Rosalía de Castro. Nós Diario conversa coa actriz que lle dá vida, María Barcala, sobre esta peza que se poderá ver o 17 de maio no Teatro Colón da Coruña. 
A actriz María Barcala durante a representación da obra 'Libre coma un paxaro' (Foto: Teatro do Atlántico).
photo_camera A actriz María Barcala durante a representación da obra rosaliana (Foto: Teatro do Atlántico).

Que criterio se seguiu na escolma de textos da obra?

Eu participei, mais a dramaturxia foi de Xulio Lago que, ademais, é o director da peza. Partiuse das fontes orixinais, do estudo e o coñecemento da obra de Rosalía. Non só iso, tamén contou cos numerosos estudos importantes que hai, afortunadamente, sobre a escritora. É o caso dos que realizaron, por exemplo, Francisco Rodríguez e Pilar García Negro. Procurouse sempre facer bloques temáticos, non é unha obra cronolóxica en relación á súa escrita.

Hai unha intencionalidade. Cando tratas dunha autora ou dun autor, tratas de pescudar, e neste caso foi así, as ideas e as motivacións que moveron a escribir determinadas cousas. Primeiro está o pensamento e despois vén a palabra. Rosalía amósanos uns mundos moi interesantes en tanto que ten un amor inmenso pola patria, por este país no que ela nace, e tamén polas súas xentes e a súa fala.

Ten unhas preocupacións tremendas pola situación da muller no momento en que ela vive, como profesional e como ser humano que carga con moitas eivas da sociedade na que está desenvolvida. Todas estas preocupacións que amosa foron as que constituíron os bloques temáticos do espectáculo.

Acorde con iso fíxose a escolma das prosas ou versos que ela escribiu ao redor destes temas. O que se pretendía era darlle voz ese pensamento de preocupación social, política, que ela, dalgunha maneira, exerceu nos poucos anos da súa vida.

Foi difícil presentar no escenario a toda unha icona do país?

Pois con moita humildade. Non hai outra maneira. Con temor mais tamén desde un oficio que, para ben ou para mal, levo exercendo 40 anos e que me permite traballar con certas ferramentas. Evidentemente ese temor estivo desde o primeiro día e está en cada función. Teño a fortuna de que o público devolve con creces o que eu fago. Hai conexión con el nesta visión de Rosalía que foxe totalmente dos canons que a min, por exemplo, me ensinaron cando era unha nena escolarizada.

Daquela transmitían unha imaxe dela que está moi lonxe do que realmente foi. Enfoqueino tamén a través de moito traballo, con moitas probas e moitos textos memorizados que tivemos que probar na escena. 

Non todos remataron por entrar na obra ao non encaixar dramaturxicamente. Buscarlle a forma foi un traballo grande. Estou moi contenta co resultado que se está a contrastar agora mesmo cunha moi longa xira moi satisfactoria. Tamén polo feito de facerlle unha homenaxe a esta gran muller do noso país. 

O teatro galego tratou como se merece a figura de Rosalía?  

Rosalía debería tería que estar máis presente, non só no teatro, senón noutros eidos da vida social. A nivel xeral, teño a sensación que se utiliza moito a Rosalía mais non sempre coa fondura que se precisa. Ela non é unha dramaturga, nese caso contaría con máis repercusión nos escenarios. Mais é a nai das nosas letras e unha grande escritora, dunha altura inmensa e cunha vida particular. Dá para moito máis que o que lle temos dado desde a escena. 

Con todo é a cuarta vez que me aproximo desde o punto de vista profesional ao mundo de Rosalía. Esta de agora é a máis persoal, iso si.  Agora ben, con ela, como con tantas outras cousas do noso pequeno país, ás veces somos pouco xenerosos ou pouco rigorosos. 

Temos aínda moito camiño que andar para que estas figuras que nos dan solidez estean máis perto das espectadoras e dos espectadores. Supoño que todo se andará. O teatro profesional na Galiza é novo, tamén hai que telo en conta. Agora hai unha eclosión a través dunha escola da que sae xente moi preparada mais realmente son poucos os anos de teatro profesional. Dito isto, estou segura que nalgún momento Rosalía estará máis presente nas nosas táboas e iso enriqueceranos enormemente.

Comentarios