'Rompente' e 'Tatuado nos ollos levamos o pouso' triunfan en Cans

O famoso festival de Cans recuperou este ano unha certa 'normalidade' após dous anos de pandemia.
Eloy Domínguez e os protagonistas de 'Rompente' (Foto: Festival de Cans).
photo_camera Eloy Domínguez e os protagonistas de 'Rompente' (Foto: Festival de Cans).

O Festival de Cans baixou o pano este sábado coa Gala de entrega dos Premios da súa XIX edición. Rompente, de Eloy Domínguez, en ficción, Tatuado nos ollos levamos o pouso de Diana Toucedo, na sección Furacáns e As pétalas murmuran de Arantxa Ramos en Novas Camadas, fixéronse co premio do xurado á Mellor Curtametraxe.

Domínguez destaca máis unha vez

O realizador do Salnés, Eloy Domínguez, que o ano pasado levantou o can de pedra por Os Corpos na sección Furacáns, de curtas de non ficción, triunfou este ano con Rompente.

O xurado destacou a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada desta obra, que vén de recibir tamén o premio á mellor curta no Festival de Málaga.

Diana Toucedo, galega residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe Trinta Lumes, conseguiu o premio para a súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o pouso. Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón, foi valorada "pola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, aportando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras".

As pétalas murmuran foi a curta vencedora na sección Novas Camadas, de realizadores e realizadoras que realizan a súa primeira obra e teñen menos de 25 anos. A súa directora, Arantxa Ramos, fixo este documental como un traballo de fin de grado da facultade de Comunicación da USC. O xurado salientou del a "súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios".

Outros premios

Outros dos premiados desta noite foron a BSO de Sauerdogs, composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes. A Mellor Fotografía recaeu en Mauro Herce, por Sycorax e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos pola "valentía e delicadeza da súa actualización do xénero epistolar".

Comentarios