'Malencolía', de Zarauza, no Festival de Cans

O evento cinematográfico do Porriño celebrará o Día das Letras Galegas coa proxección do último filme do director Alfonso Zarauza coa presenza do director.
O novo filme de Zarauza recibiu dous Mestre Mateo correspondentes a Iolanda Muíños e Diego Anido como mellores actriz e actor de reparto. (Foto: Maruxiña Film Company).
photo_camera O novo filme de Zarauza recibiu dous Mestre Mateo correspondentes a Iolanda Muíños e Diego Anido como mellores actriz e actor de reparto. (Foto: Maruxiña Film Company).

O Festival de Cans, no Porriño, súmase este 17 de maio á festividade do Día das Letras Galegas, co visionado da longametraxe Malencolía e cunha exposición de arquitectura galega. Malencolía é a nova longametraxe do director compostelán Alfonso Zarauza, un dos participantes, segundo a organización, "máis fieis" do festival.

O propio realizador estará hoxe na proxección da súa película no Centro Cultural do Porriño, ás 17.30 horas.

O seu último traballo acaparou 11 nomeamentos aos recentes Premios Mestre Mateo do pasado marzo e fíxose con dous galardóns para Diego Anido e Iolanda Muíños que recolleron os premios ao mellor actor e actriz de repartición, respectivamente. 

A película, rodada no Carballiño, é unha mestura de terror e comedia narra como a parella protagonista, formada por Xulio Abonjo e Melania Cruz, volve ao rural galego desde Berlín tras comprar unha casa por Internet. Ademais de Zarauza, acudirán á proxección, con entrada de balde até completar a ocupación da instalación, Melania Cruz e Ledicia Sola, outra das actrices do elenco. 

Exposición 'Entre Cans e Venecia'

Ao remate deste pase, tamén no Centro Cultural do Porriño, ás 20 horas, está prevista a inauguración da mostra de arquitectura que os coruñeses Juan Creus e Covadonga Carrasco levaron en 2020 á Exposición Internacional de Arte de Venecia, unha das citas máis relevantes do sector a nivel mundial.

Titulada "De Cans a Venecia", a instalación exposta na cidade italiana reflexionaba acerca da relación do festival co territorio onde se celebra, afondando na reconversión dos espazos cotiáns e de uso privado, neste caso os 'ghalpóns', en lugares de acción cultural públicos. 

Comentarios