A sección 'Furacans' do Festival de Cans aumenta a presenza feminina

80% da participación procede de directoras na sección 'Furacáns' de curtametraxes documentais que este ano conta cunha ducia de finalistas.
Imaxe de 'Somos una nación' de Silvia Muíña (Foto: Silvia Muíña).
photo_camera Imaxe de 'Somos una nación' de Silvia Muíña (Foto: Silvia Muíña).

A organización da XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar nesa parroquia do Porriño do 18 ao 21 de maio, vén de anunciar as curtas a concurso na sección 'Furacáns'.

Dedicada ás obras de non ficción que asumen maior risco narrativo, este apartado contará nesta edición cunha ducia de curtas, entre as que haberá oito presentacións, seis delas estreas absolutas e outras dúas estreas na Galiza. 

Maior presenza da ollada feminina 

O Festival volve apostar pola ollada feminina incrementando a participación de mulleres cineastas, con dez das doce obras a concurso nesta sección asinadas por directoras.

Isto supón máis dun 80% do total de cintas escollidas para competir e combinará a presenza de directoras máis experimentadas como Diana Toucedo (Tatuado nos ollos levamos o pouso), as irmáns Also Sisters (Aura) ou Adriana Páramo (Anatomía dunha serea), doutras emerxentes como Aldara Pagán (Sen título), Andrea Beade e Quiela Nuc (A Cinquito, con derecho a tocar) ou de prometedoras debutantes como Claudia Pineda (El viaje, 1988), Lucía Alonso (Nós-Outros), Antía Encisa (Somos), Yasmina Farahni (Galice, Galice) e Silvia Muíña (Una sola nación).

Tamén competirán nesta mesma sección a curta O que queda, de Alejandro Rodríguez, e Noche de 2202, de David Outón

Entradas á venda

A competición da categoría 'Furacáns' terá lugar o sábado, 21 de maio, día grande do Festival de Cans. A organización puxo á venda 75 entradas para a sesión matinal e 150 máis para a sesión de tarde, a un prezo de 6 euros.

Os 200 packs de lanzamento xa están esgotados e as entradas da categoría de ficción poderán adquirirse a partir da próxima semana.

Comentarios