A cultura conmemora os 50 anos da estrea do Grândola en Compostela

10 de maio de 1972, hai hoxe 50 anos, o cantor 'de intervenção' José 'Zeca' Afonso interpretaba o famoso Grândola, Vila Morena no Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela. 'Nós Diario' conversa con amigos persoais do Zeca que viviron con el actuacións en 1972 e con artistas que participarán hoxe no acto conmemorativo que acolle a USC.
José Afonso (centro) con, á súa esquerda, Marina Rossell, Xico de Carinho e Bibiano na Coruña en 1978. (Foto: AJA Galiza)
photo_camera José Afonso (centro) con, á súa esquerda, Marina Rossell, Xico de Carinho e Bibiano na Coruña en 1978. (Foto: AJA Galiza)

O Grândola, Vila Morena, aquela canción que soou na radio portuguesa o 25 de abril de 1974 para dar inicio á Revolución dos Cravos tivo a súa estrea pública en Santiago de Compostela dous anos antes, nun concerto realizado no Burgo das Nacións.

En conmemoración desa interpretación do Grândola na Galiza, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) leva hoxe a cabo un acto en que cincuenta anos despois, os acordes deste tema volverán soar na USC.

Un dos artistas que estará presente no acto de hoxe, Xico de Carinho, conversa con Nós Diario para relatar a súa relación co Zeca. "Eu non puiden estar naquel concerto no ano 1972 porque estaba en París na altura. De todos os modos eu coñecía o Zeca dun festival que tivo lugar en novembro do 1970", salienta Xico.

Sobre a figura de José Afonso e a súa relación coa Galiza, Xico de Carinho manifesta que "as relacións culturais, afectivas ou emocionais sempre priman. Coa Galiza é certo que o Zeca tiña moita afinidade e o noso país ocupaba un lugar especial no seu corazón".

Unha das persoas que estivo presente no Burgo das Nacións aquel 10 de maio, o músico Miro Casabella, relata a Nós Diario o que ocorreu aquel día. "O que aconteceu no Burgo das Nacións foi moi espectacular. Algo incríbel", manifesta Casabella. Acerca da relación de José Afonso coa Galiza, indica que "tiña unha relación moi boa co noso país porque aquí tivo moitas facilidades e foi moi apoiado".

Desde a Associaçom José Afonso (AJA Galiza), da man da súa secretaria, Iria Méndez, destacan a especial ligazón que unía o Zeca co país e a importancia de reivindicar a súa figura. "A súa vinculación coa Galiza foi histórica, aquí víase acollido. Para nós é fundamental a transmisión xeracional da súa mensaxe, por moito que se dera noutros tempos, os seus ideais están totalmente vixentes", indica Méndez.

Galiza, "patria espiritual" de José Afonso

Unha das voces que hoxe se ouvirán na homenaxe que a USC prepara no Burgo das Nacións é a de Uxía. En conversa con Nós Diario, a artista indica que "a Galiza era a patria espiritual de José Afonso. É difícil comprender a historia recente da Galiza sen o Zeca". "A vixencia do seu pensamento é indiscutíbel", conclúe Uxía.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios