A Real Academia Galega celebra en Lourenzá o pleno extraordinario das Letras Galegas

O acto central do Día das Letras Galegas, aberto ao público, terá lugar no centro de usos múltiples Ponte de Cuñas a partir as 12.30 horas. Os académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo trazarán o retrato do autor e do seu legado.
Del Riego, no seu despacho da Fundación Penzol, coa máquina de escribir que utilizou para redactar milleiros de páxinas de artigos e de libros (Imaxe: Xan Carballa e Gustavo Luca)
photo_camera Del Riego, no seu despacho da Fundación Penzol, coa máquina de escribir que utilizou para redactar milleiros de páxinas de artigos e de libros. (Imaxe: Xan Carballa e Gustavo Luca)

Lourenzá (comarca da Mariña) será esta cuarta feira o epicentro da celebración do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica a Francisco Fernández del Riego, nado nesta localidade no ano 1913. A sesión extraordinaria e pública do 17 de maio desenvolverase a partir da 12.30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado. A música correrá a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá)  e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno da RAG, de entrada libre até completar a capacidade do recinto, poderá seguirse tamén en directo desde o portal academia.gal.

Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galiza da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista desde os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, fechará o acto.

A festa continuará en Lourenzá pola tarde. Tras a actuación do grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, Treixadura porá o ramo á celebración a partir das 19 horas.

Promotor das Letras Galegas 

A RAG dedícalle o Día das Letras Galegas a Del Riego cadrando cos 110 anos do seu nacemento e o 60 aniversario da conmemoración do 17 de Maio, unha idea impulsada polo propio don Paco ao pouco de ser nomeado académico de número. En marzo de 1963, co apoio dos tamén académicos Gómez Román e Ferro Couselo, presentou a proposta, aprobada en sesión plenaria semanas despois por unanimidade.

A celebración do Día das Letras Galegas prendeu axiña con éxito por todo o país e hoxe constitúe a gran festa cívica da Galiza, con centos de iniciativas desenvolvidas por asociacións, institucións, centros educativos, entidades comerciais e empresas, entre outros axentes sociais. 

Tras o verán, a RAG publicará o epistolario cruzado entre Del Riego e Otero Pedraio, nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero, e celebrará unha xornadas sobre o autor. 

Comentarios